Novas

Máis novas

Aberto o prazo para solicitar a rebaixa do IBI gandeiro para 2018 no Concello de Melide

27/09/2017. O pasado 3 de agosto o pleno do Concello de Melide aprobaba as bonificacións do 95% para o sector primario. Despois da exposición correspondente no BOP, o prazo ábrese hoxe para os veciños que cumpran os requisitos e queiran solicitar esta rebaixa

O pleno do Concello de Melide do pasado 3 de agosto, aprobaba cos votos favorables do Partido Popular e co voto en contra do BNG e do PSOE a posta en marcha da rebaixa do IBI gandeiro. Despois de publicarse esta orde no Boletín Oficial da Provincia e de non ter ao respecto ningunha reclamación, hoxe, mércores 27 de setembro, abre o prazo para que aqueles interesados en situación de posuír actividades exclusivamente agrarios poidan solicitar bonificacións de ata o 95%, sempre que cumpran cos requisitos publicados nesta orde.

Dalia García, alcaldesa de Melide, explica que se trata “dunha medida de carácter fiscal en apoio do sector primario do municipio para facilitar a aplicación da bonificación máxima do Imposto de Bens Inmobles (IBI) ás explotacións gandeiras”.  

Polo tanto, poderán ser beneficiarios desta bonificación do 95% do IBI os aos inmobles destinados a actividades agrarias, gandeiras ou forestais co fin de apoiar ao sector primario do termo municipal. Dentro desta medida, compre salientar que cando a actividade sexa compartida con outros usos, non agrarias, nin gandeiros, nin forestais, a bonificación tan só será do 50%.

A rexedora engadía que “segundo os datos extraídos dun informe de Extensión Agraria de Melide, no municipio existen aproximadamente 320 explotacións de vacas e 30 de porcino que podería beneficiarse desta medida aprobada no pleno no vindeiro ano 2018”.

REBAIXA DO IBI URBANO E IBI RÚSTICO

Así mesmo, o Imposto de Bens Inmobles reducirase no vindeiro ano do 0.48% ao 0.45%, tal e como se aprobaba no pleno do 3 de agosto.

 No caso do IBI urbano esta baixada do imposto supoñerá unha diminución do 10% na recadación municipal, o que se traduce nun importe aproximado de 190.886,37 euros no vindeiro ano. Por outra banda, no correspondente ao IBI rústico, que conta neste ano cun tipo impositivo do 0.50 do coeficiente no 2018 reduciarase ao 0.45 ao igual que o urbano. O ente municipal recadará un 10% menos no IBI rústico, o que se traducirá en 39.869.05 euros.

Dalia García, rexedora de Melide, explicaba que detrás desta baixada do IBI está “vontade de diminuír a presión fiscal sobre as familias, xa que se trata de un imposto que afecta a maior parte da veciñanza da nosa vila”. 




Compartir:   Compartir Facebook Compartir Twitter Compartir Google+ Compartir Linkedin Compartir Whatsapp