- Novas
- Axenda
- Perfil de contratante
- Convocatorias
- Avisos e bandos
- Ordenanzas
- Melide en imaxes
- Facturación electrónica
- Pago provedores
Novas
Solidariedade, sostenibilidade e deporte na VII Media Maratón “Os 21 do Camiño”
04/06/2019. Yolanda Pérez, concelleira en funcións de Xuventude do Concello de Melide e Pablo Taboada, alcalde en funcións de Palas de Rei, presentaron xunto a membros da Asociación Deportiva Cerne Melide, unha nova edición da Media Maratón
MELIDE 4 de xuño de 2019.- A VII edición da Media Maratón “Os 21 do Camiño” celebrarase o vindeiro sábado 15 de xuño. Será unha xornada na que a ademais de desputarse a proba deportiva tamén se realizará unha recollida de tapóns de plástico que irán a parar á Asociación Tapones Solidarios, como xa acontecía o ano pasado.
Á presentación deste evento deportivo, que tivo lugar esta mesma mañá en Palas de Rei, acudiron a concelleira en funcións de Xuventude do Concello de Melide, Yolanda Pérez e o alcalde en funcións de Palas de Rei, Pablo Taboada e membros da Asociación Deportiva Cerne.
Yolanda Pérez en representación do Concello de Melide trasladou ao equipo organizador a noraboa polo traballo realizado ata este momento e por ter planificado de novo este ano unha nova edición desta proba deportiva que xa leva varios anos sendo recoñecida como a Mellor Medio Maratón de España por Runedia. Fixo especial fincapé na integridade da proba xa que “nun só día se dinamiza de xeito cultural, deportivo, económico e gastronómico tanto a vila de Palas de Rei como a de Melide”. Reiteraba os seus parabéns un ano máis xa que “o que comezou como un proxecto de amigos volve a esgotar as prazas para participantes dous meses e medio antes da carreira. Unha situación que demostra que o traballo está ben feito”.
Por parte da organización, Ángel García, presidente da Asociación Deportiva Cerne agradecía aos máis de 100 voluntarios que colaborarán coa proba para que poida levarse a cabo sen ningunha incidencia e apuntaba a un cambio realizado nos dorsais este ano, onde o número de corredor pasará a un segundo plano fronte o nome do corredor que irá en letras grandes no dorsal. “Queremos con este detalle sinxelo primar as persoas, non son un simple número, son os corredores da nosa media maratón, todos eles especiais e importantes. Queremos diferenciarnos con pequenos detalles doutras carreiras mimando aos nosos participantes”.
CARREIRA CON 800 INSCRITOS
A Media Maratón “OS 21 do Camiño” conta este ano con 800 inscritos entre os que se atopan coñecidos do mundo do running como Elías Domíngez, Akka Essaadaoui, María Jesús Gestido ou o corredor local Anxo Castro entre outros.
Este ano como novidade, a Media Maratón aumentou a súa participación en 50 persoas con respeto ao 2018, “e aínda así quedaron persoas fóra que querían correr esta proba”, explicaban dende a Asociación Cerne. Ao mesmo tempo, aclaraban que “non contemplamos a posibilidade de medrar en participantes de maneira desmesurada, estamos creando unha marca coa nosa Media, queremos mimar aos participantes, queremos que desfruten da carreira. Con máis inscricións, masificaríamos o Camiño de Santiago, non sería cómodo para os peregrinos nin tampouco para os corredores”.
Os participantes achegaranse a Melide de diversos lugares de Galicia e fóra dela como poden ser por exemplo: País Vasco, Asturias, Madrid ou Portugal.
O percorrido será o mesmo que anos anteriores, partirase da praza do Concello de Palas de Rei e chegarase ao Cantón de San Roque de Melide, trascurrindo a maior parte do treito polo Camiño de Santiago que une as dúas localidades.
MEDIA MARATÓN CON BO AMBIENTE
Por primeira vez este ano, a sostenibilidade será outro dos compoñentes para o éxito da Media Maratón que une Palas de Rei e Melide. Tal e como explicaron esta mañá dende a Asociación Deportiva Cerne este ano a proba deportiva formará parte da lista de “Eventos con buen ambiente” nos que ten presencia Coca-Cola e que contén unha serie de recomendacións para minimizar o impacto negativo ambiental e social deste tipo de acontecementos. Explican que “eliminaremos todo tipo de bolsas de plástico que antes utilizabamos, teremos máis puntos limpos de recollida de lixo ao longo do percorrido e como agasallo a cada corredor e por cortesía da Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia, entregarémoslles unha pequena árbore autóctona para que a planten. É a aportación desta Media Maratón para mellorar o noso medio ambiente”.
MELINDRES DE MELIDE PARA REPOÑER FORZAS
Como sucede cada ano, o corredor terá tamén por parte da organización un pequeno agasallo doce para repoñer forzas. Non faltará nesta edición a gastronomía melidense, os doces típicos de Melide, os melindres, agardarán aos corredores no cantón de San Roque, ao pé de meta. A repostaría tradicional de Melide tamén poderá ser degustada polo público asistente ao final do percorrido.