Novas

Máis novas

A Xunta destaca en Melide o papel da formación para o emprego dos galegos

03/05/2019. O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Alfonso Marnotes, visitou esta mañá a Unidade de Acción Formativa do Concello de Melide que ofrece catro cursos relacionados coa hostalería nos que participan 32 alumnos

MELIDE 3 de maio de 2019.- O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Alfonso Marnotes, visitou esta mañá a Unidade de Acción Formativa de Melide, onde actualmente se están impartindo cursos relacionados coa hostalería. Durante a visita, que estivo acompañado pola alcaldesa de Melide, Dalia García, destacou o papel da formación na mellora da empregabilidade dos galegos e galegas.

En concreto, un total de 32 alumnos en situación de desemprego están cursando ensinanzas relacionadas coa cociña, operacións básicas de cátering, operacións básicas de cociña e operacións básicas de restaurante-bar. Esta formación permítelles obter a capacitación profesional necesaria para traballar neste sector. De feito, con motivo do inicio das prácticas dos alumnos do curso de cátering, estes ofreceron unha demostración culinaria aos asistentes.

O director xeral destacou a importancia de apostar por unha formación dual que mellore a cualificación dos traballadores para incrementar as súas oportunidades laborais e que, ademais, dea resposta ás necesidades das empresas e do seu contorno. Neste caso, Melide, pola súa situación estratéxica no Camiño de Santiago, ten unha importante demanda laboral no sector da hostalería.




Compartir:   Compartir Facebook Compartir Twitter Compartir Google+ Compartir Linkedin Compartir Whatsapp