Novas

Máis novas

Malo será! chega á casa da cultura de Melide o próximo xoves 9 de maio

02/05/2019. O programa televisivo Malo será! da Televisión de Galicia chega o próximo xoves 9 de maio a Melide. O evento terá lugar na casa da cultura e as entradas xa están á venda. Serán dúas horas de humor cos mellores cómicos galegos

MELIDE 2 de maio de 2019.- A caravana da Televisión de Galicia fai o xoves 9 de maio unha nova parada. Malo será!, o programa itinerante que achega a televisión aos teatros de todo o país, gravará un dos programas da súa segunda temporada na Casa da Cultura de Melide. Dúas horas de humor protagonizadas polos mellores cómicos da escea galega, aos que se unirá como convidada especial a actriz e presentadora Isabel Blanco.

Malo será! é un espectáculo gravado en falso directo que achega todo o que rodea á televisión aos teatros das cidades e vilas de toda Galicia, e que á vez permite aos espectadores da Televisión de Galicia gozar cun espectáculo de teatro desde as súas casas. Trátase dunha sucesión de sketches cómicos que acompaña unha banda de música en directo, e que protagonizan as grandes estrelas da comedia do noso país.

Marcos Pereiro, Federico Pérez, Lucía Veiga, Carmen Méndez, Santi Romay, Paula Pier e Isabel Blanco serán as actrices e actores cos que poderá gozar o público de Melide o próximo xoves 9 de maio. Un elenco liderado por Marta Doviro, a presentadora deste exitoso formato.

As entradas para o espectáculo pódense mercar a partir de 8 euros a través de Ataquilla.com e nos  puntos de venda físicos Estanco ANGARELA e MUXICA Tenda Xoven de Melide.




Compartir:   Compartir Facebook Compartir Twitter Compartir Google+ Compartir Linkedin Compartir Whatsapp