Novas

Máis novas

Melide está de Moda amosará as novas tendencias para a primavera-verán

02/05/2019. Un ano máis, o Concello colabora coa pasarela Melide está de Moda, que se celebrará este próximo sábado 4 de maio na casa da cultura da vila con entrada libre e gratuita. O seu obxetivo é dinamizar o sector comercial da vila

MELIDE 2 de maio de 2019.- A nova edición da pasarela Melide está de Moda, será o catro de maio a partir das 18.00 horas nas Casa da Cultura de Melide e estará presentada un ano máis pola cantante e colaboradora televisiva galega Eva Iglesias. Tamén nesta ocasión o decorado e o ambiente de luz e son buscará sorprender a todos os asistentes grazas ao traballo dos profesionais de La Gramola Discotecas Móviles.
Ao igual que en edicións anteriores cada tenda amosará as súas coleccións de primavera verán da man de modelos locais. Non obstante, e como unha das grandes novidades, tamén desfilarán modelos profesionais, grazas á colaboración de Cris Calviño.
Outra das grandes novidades para esta edición será darlle visibilidade á creatividade galega dentro do ámbito da xoiaría e da moda. Par iso, o Centro Comercial Aberto Asetem contará coa presenza do Centro de Formación Pasarela de Vilagarcía (destinado á formación en deseño de moda, patronaxe, asesoría, corte e confección e fotografía de moda), que presentará sobre o escenario da Casa da Cultura unha colección de roupa deseñada polos seus talentos máis novos.
Así mesmo, realizarase unha presentación da deseñadora de xoias contemporáneas e de autor, Loló Joyeros, que cederá unha xoia deseñada en exclusiva para o desfile Melide Está de Moda. Dita xoia será sorteada entre o público asistente que previamente realizase unha achega solidaria a favor da Fundación Andrea, coa que este ano colabora Asetem.

CARÁCTER BENÉFICO

A maiores da xoia, e dado que esta edición de primavera verán será de carácter benéfico, nos días previos ao desfile todos aqueles que o desexen poderán aportar as súas doazóns nas distintas urnas da Fundación Andrea que hai repartidas polos comercios asociados, así como o propio día da pasarela.

CÁMBIAME EN MELIDE

De xeito paralelo, nos meses previos e ata o 4 de maio, está a desenvolverse a primeira edición de Cámbiame en Melide; unha iniciativa máis para promover o comercio local asociado.
Nesta campaña, os tres candidatos seleccionados están sendo asesorados en distintos ámbitos polos profesionais do comercio local; así como polas asesoras de imaxe e Personal Shopper Sylvie Rodríguez e Cris Calviño, que achegarán as súas recomendacións en materia de moda aos candidatos co obxectivo de realzar aínda máis o cambio final o vindeiro 4 de maio.




Compartir:   Compartir Facebook Compartir Twitter Compartir Google+ Compartir Linkedin Compartir Whatsapp