Novas

Máis novas

O chef Paco Roncero, pregoeiro da XXVIII Festa do Melindre

25/04/2019. O cociñeiro, conta con 2 estrelas Michelín, será o encargado de dar o pregón e ofrecerá tamén un showcooking. Un total de 8 persoeiros do mundo da cultura, a gastronomía, a empresa e o deporte serán recoñecidos como embaixadores

MELIDE 25 de abril de 2019.- A Festa do Melindre e da Repostaría Tradicional da Terra de Melide contará co chef Paco Roncero, un dos máis importantes do panorama gastronómico nacional dentro e fora das nosas fronteiras, como pregoeiro da súa vixésimo oitava edición.  O evento terá lugar o domingo 12 de maio ás 12:30 h na praza do convento de Melide pero, ademáis, o chef galardoado con dúas estrelas Michelin amosará tamén as súas culidades na cociña nun showcooking doce con degustación o sábado 11 na viñoteca Ribeirao, e que terá como base aos melindres, os ricos e os amendoados. A entrada será de balde para todas as persoas que desexen asistir, que poderán inscribirse o mesmo día no baixo da Casa do Concello ata completar o aforo.

Pero máis aló de Roncero, o Concello de Melide nomeará aos embaixadores e embaixadoras da festa, que se compromenten a poñer en valor e dar a coñecer os doces únicos no mundo da comarca melidense. Nesta edición, os galardoados serán 8 persoeiros a nivel autonómico e nacional do mundo da cultura, a gastronomía, o deporte e o mundo empresarial: o coñecido actor Marcos Pereiro no 15 aniversario do dúo cómico As Cantareiras de Ardebullo; a reposteira e instagramer Isabel Pérez de Aliter Dulcia; o triatleta gañador de 3 copas do mundo Uxío Abuín; o xornalista gastronómico Jorge Guitián; a directiva de Aceites Abril Elena Pérez Canal; os chef Marías Varea de A Parada das Bestas e Miguel Ángel Liboreiro de O Tobo do Lobo; e o director do CIFP Carlos Oroza, Manuel Hermo.

UNHA FESTA PARA TODOS OS PÚBLICOS

Como vén sendo habitual, a cita gastronómica contará tamén cun amplo programa lúdico e cultural para todos os públicos, con actividades que se repartirán ao longo de todo o fin de semana do 11 e 12 de maio, e entre as que se encontran actuacións musicais a cargo de Claudio Spadi – músico oficial de Florencia, Italia – a banda tributo a Sabina La Pénultima, Gin Toni’s e, xa o domingo, o coñecido grupo Milladoiro. Tamén terán o seu lugar na festa a agrupación de música tradicional Froito Novo e a Banda de Música de Arzúa, ademáis de animación de rúa coas charangas Ardores e Santa Compaña. Ademáis, os máis cativos da familia poderán gozar do espectáculo Radio Bule Bule de Paco Nogueiras.

Durante a presentación do evento, que tivo lugar esta mañá no Café Casino de Santiago de Compostela, a alcaldesa de Melide, Dalia García Couso, manifestou a súa satisfación por ter “a un chef da talla de Paco Roncero na Festa do Melindre, o que demostra a forte aposta feita dende o Concello para continuar situando a Melide e a súa repostaría no mapa gastronómico nacional”.

COFFE TOUR TRADICIONAL E CAMPAÑA DE DOAZÓN PARA A PROMOCIÓN DA FESTA  

Coma pistoletazo de saída, o Concello de Melide porá en marcha, dende hoxe e ata o vindeiro 3 de maio, o Coffee Tour da Festa do Melindre, que repartirá entre os clientes dos principais cafés históricos de Galicia melindres, ricos e amendodos como petisco doce. Tralo inicio de hoxe no Café Casino de Compostela, a ruta continuará o 29 de abril no Café Moderno de Pontevedra; o día 30 na cafetería La Dársena de A Coruña; o 1 de maio no Café del Centro de Lugo; o día 2 en La Coruñesa de Ourense; e rematará o venres 3 de maio no café De Catro a Catro de Vigo.

Ademáis, a Festa do Melindre e o Centro de Transfusións de Galicia renovan un ano máis a súa xa tradicional colaboración, cunha campaña solidaria que recompensará a todos os que se acheguen a doar sangue en Melide, A Coruña e Santiago os días 26 e 27 de abril, cun doce agasallo composto por melindres, ricos e amendoados; e un programa con información sobre o evento.

CHEF PACO RONCERO

O chef Paco Roncero Paco Roncero é un dos máximos representantes da vangarda culinaria española dentro e fóra das nosas fronteiras. Formouse na Escola de Hostalería e Turismo de Madrid e realizou stages en Zalacaín e no Hotel Ritz ata que en 1991 se incorporou ao persoal do Casino de Madrid.

A explosión da súa personalidade creadora produciuse tras poñerse ao mando da xefatura de cociña deste establecemento, incluíndo a dirección da área de banquetes e o restaurante La Terraza del Casino, que na actualidade conta cos dúas estrelas Michelín e tres soles Repsol. Roncero conta ademais con algúns dos premios gastronómicos máis prestixiosos, como o Chef L' Avenir 2005 outorgado pola Academia Internacional de Gastronomía, e o Premio Nacional de Gastronomía 2006 da Real Academia de Gastronomía Española.

Entre as achegas do chef ao universo culinario destacan a creación dun taller de investigación ao redor da cociña e ás emocións único no mundo, PacoRonceroTaller; o desenvolvemento dun software para mellorar o rendemento de xestión na contorna gastronómica, “Gestor de Cocina”; e a publicación dos libros “Tapas y Gastronomía del S XXI” -dúas veces premiado e traducido a varios idiomas-, “Bocadillos y Ensaladas”, “Tapas en Estado Puro”, e o recente “Correr, cocinar y ser feliz”. Ademais de ser un amante do deporte, chef executivo e director do NH Collection Casino de Madrid e do seu restaurante La Terraza del Casino; Roncero tamén é propietario dos gastrobares Estado Puro en Madrid, Xangai e Curitiba; de “La Canica” en San Miguel de Allende (México); de “Versión Original” e “Orígen” en Bogotá; de Pata Negra en Cartagena de Indias (Colombia) e de Sublimotion, o restaurante máis avanzado e innovador xamais imaxinado que se sitúa no hotel Hard Rock de Ibiza.

Roncero foi tamén presentador durante dúas tempadas do programa Top Chef de Antena 3 xunto a Alberto Chicote e Susi Díaz; e xurado do programa Masterchef Colombia.




Compartir:   Compartir Facebook Compartir Twitter Compartir Google+ Compartir Linkedin Compartir Whatsapp