Novas

Máis novas

Melide promocionará a Festa do Melindre cun Coffee Tour polas cidades galegas

23/04/2019. O xoves terá lugar a presentación oficial da XXVIII Festa do Melindre de da Repostaría Tradicional da Terra de Melide en Santiago de Compostela. A maiores, os doces tradicionais da vila daránse a coñecer noutras cidades de Galicia

MELIDE 23 de abril de 2019.- O vindeiro xoves, 25 de abril, terá lugar no Café Casino de Santiago de Compostela a presentación oficial da vixésimo oitava edición da Festa do Melindre e da Repostaría Tradicional da Terra de Melide. A rolda de prensa estará presidida pola alcaldesa de Melide, Dalia García Couso, acompañada do concelleiro Benito Nebril Loureiro; e nela ofreceranse todos os detalles sobre a programación da cita gastronómica, os embaixadores e o pregoeiro.

OS DOCES DE MELIDE PROTAGONISTAS DUN COFFE TOUR

Coincidindo coa presentación oficial do evento, o Concello de Melide pon en marcha diferentes actividades de promoción previas á celebración da XXVIII edición da festa, que este ano terá lugar os días 11 e 12 de maio. Así, o día 25 dará comezo no propio Café Casino de Santiago o Coffee Tour da Festa do Melindre, que repartirá entre os clientes dos principais cafés históricos de Galicia melindres, ricos e amendoados como petisco doce. Tras Compostela, a ruta continuará o 29 de abril no Café Moderno de Pontevedra; o día 30 na cafetería La Dársena de A Coruña; o 1 de maio no Café del Centro de Lugo; o día 2 en La Coruñesa de Ourense; e rematará o venres 3 de maio no café De Catro a Catro de Vigo.

DOAR SANGUE CON PREMIO DOCE

Ademais deste Coffe Tour, o Concello de Melide tamén realizará a xa tradicional campaña de doazón de sangue en colaboración coa Axencia de doazón de órganos e sangue de Galicia (Ados) os días 26 e 27 de abril. Deste xeito, as persoas que se acheguen a doar sangue ás unidades móbiles situadas en Melide, A Coruña ou Santiago de Compostela, recibirán como agasallo un paquete de ricos e un pequeno folleto con información sobre a festa.




Compartir:   Compartir Facebook Compartir Twitter Compartir Google+ Compartir Linkedin Compartir Whatsapp