Novas

Máis novas

Veciñas de Melide reflexionaron sobre o papel da muller ao longo do tempo

08/04/2019. O Concello organizou esta pasada fin de semana un encontro no que participaron sesenta mulleres da vila e onde se reflexionou sobre o papel da muller ao longo da historia. As participantes compartiron un xantar de confraternidade

MELIDE 8 de abril de 2019.- O Concello de Melide a través da súa Concellería de Traballo, Igualdade e Benestar Social organizou este pasado sábado un acto de confraternidade para as mulleres da vila que tivo como obxetivo principal celebrar un xantar-coloquio que levou por nome “O papel da muller ao longo da nosa historia”.

Foron un total de 60 mulleres de Melide as que compartiron un día fóra das súas rutinas. Foi no Balneario Río Pambre e forma parte da programación que se puxo en marcha dende o Concello de Melide para conmemorar o día da Muller o 8 de marzo. A maiores do xantar, as participantes compartiron un coloquio coa psicóloga e a avogada do Centro de Información á Muller, María Gómez e Silvia Míguez, para coñecer polo miúdo os servizos que se prestan ás mulleres dende propio Concello. A esta charla tamén se uniron veciñas de Melide que desempeñan dende hai anos traballos considerados  hai anos baixo prexuízos masculinos. Contaron a súa experiencia Ana Soto, unha empresaria dun negocio de ferrallas no polígono melidense e Conchi Mella, policía nacional.

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, asistiu tamén este sábado ao acto de confraternidade con mulleres da nosa vila onde se abordou o papel da muller ao longo da historia. López Abella fixo unha viaxe pola historia da humanidade para poder comprender a perspectiva histórica do feminismo.

Susana López Abella comezou puntualizando que é de xustiza visibilizar e pór en valor a todas aquelas mulleres que foron invisibilizadas ao longo da historia ou que non se lles concedeu a importancia merecida polos seus logros. A secretaria xeral mencionou a primeira poeta coñecida, a primeira muller da que se ten constancia na historia da ciencia, ou a primeira muller matemática da que se ten coñecemento.

É importante, explicou López Abella, coñecer a situación da muller con respecto ao home. Por isto destacou como o sufraxio das mulleres marca o movemento feminista, para logo finalizar con algunhas figuras en España como Concepción Arenal ou Clara Campoamor, á que lle debemos, case na súa totalidade, o dereito ao voto feminino a principios do século XX. Tamén tiveron lugar as figuras femininas dentro da historia galega, personaxes a cabalo entre a mitoloxía e a realidade. Rosalía de Castro e Emilia Pardo Bazán son dous exemplos.

De Melide saiu un autobús con todas as mulleres participantes que se desprazou ata o Balneario Río Pambre en Palas de Rei, onde se desenvolveu a xornada completa. Ao acto acudiu tamén a alcaldesa de Melide, Dalia García Couso, a concelleira de Igualdade e Benestar Social, María Jesús López Mourón, a concelleira de Obras, Rosa Cabado e a de Xuventude Yolanda Pérez.




Compartir:   Compartir Facebook Compartir Twitter Compartir Google+ Compartir Linkedin Compartir Whatsapp