Novas

Máis novas

Concello e Federación poñen en marcha un curso de monitor de fútbol sala

15/03/2019. Melide acollerá un curso de monitor de fútbol sala que comezará o vindeiro venres 23 de marzo. Trátase dunha formación pioneira que se levará a cabo na vila durante as mañás dos sábados, dende marzo e ata o mes de maio

MELIDE 15 de marzo de 2019.-  O Concello de Melide, a través da súa Concellería de Deportes, xunto coa Federación Galega de Fútbol poñerán en marcha na vila un curso de monitor de fútbol sala que se celebrará do 23 de marzo ata o 25 de maio en horario de 9.39h a 14.30h os sábados, a excepción do sábado de semana santa, que non haberá clase.

A alcaldesa de Melide, Dalia García, e a concelleira de Deportes, Dolores Gómez, mantiveron unha xuntanza con o director da Escola Galega de Adestradores, Manuel Mosquera, co fin de organizar as datas de celebración e as necesidades da Federación para que o curso se leve a cabo con total normalidade na vila.

A formación que se impartirá en Melide, está dirixida a todas aquelas persoas interesadas na formación futbolística para trasladar as principais claves do fútbol sala a outras persoas que queiran aprender máis sobre as técnicas deste deporte. Terán que ser maiores de 16 anos e a matrícula poderá realizarse ata o día de inicio do curso. Tamén será necesario para poder realizar este curso estar en posesión do título de grado en educación secundaria ou ter un título equivalente segundo o plan de estudos do aspirante.

 Unha vez finalizada esta formación en Melide, aos participantes seráselles entregado o diploma Federativo de Monitor de Fútbol sala, que requerirá a avaliación positiva das diferentes áreas e materias das que consta o curso. A asistencia é obrigatoria ao mínimo do 75% de horas programadas por cada materia.

O número mínimo de alumnos para que poida levarse a cabo este curso é de 15, e as persoas interesadas en participar poden poñerse en contacto coa Federación Galega de Fútbol a través da súa páxina web www.futgal.es onde tamén se realizará a matrícula on line.




Compartir:   Compartir Facebook Compartir Twitter Compartir Google+ Compartir Linkedin Compartir Whatsapp