Novas

Máis novas

Luz verde ao traslado das pistas de pádel á Urbanización Taboada Roca e ao acondicionamento da pista multideportiva do parque Rosalía de Castro

28/10/2017. As obras de acondicionamento dos espazos e o traslado das pistas de pádel teñen un orzamento de 117.000. Estas actuacións mellorarán os espazos deportivos da vila

A Xunta de Goberno Local do Concello de Melide celebrada no día de onte, deu luz verde ao traslado das pistas de pádel que se atopaban no parque Rosalía de Castro para a súa instalación no parque da Urbanización Taboada Roca.  Por outra banda, tamén se adxudicou o acondicionamento da pista multideportiva do parque Rosalía de Castro.

O traslado das pistas de pádel á Urbanización Taboada Roca de Melide permitirá gozar a todos os melidenses dun espazo onde se poderán practicar diversos deportes, xa que estas pistas de pádel situaranse a carón das pistas xa existentes na zona de tenis e tamén ao lado do complexo deportivo municipal que alberga a piscina climatizada, un ximnasio e dúas aulas de actividades dirixidas. “ O traslado das pistas de pádel para esta nova ubicación permitirá aos veciños e veciñas gozar dun completo deportivo multidisciplinar no que se poderá practicar diferentes deportes nunha mesma zona, favorecendo así a comodidade dos usuarios e mellorando as instalacións deportivas de Melide”.

Ao mesmo tempo, dende o Concello de Melide informan que será renovado o parque da Urbanización Taboada Roca, moi deteriorado polo paso do tempo, e que verá agora renovado o seu mobiliario e a súa superficie con caucho, adecuando estas instalacións ao público infantil que fai uso del no seu día a día.

Pola súa parte, o espazo existente onde se atopaban as pistas de  pádel no parque Rosalía de Castro será acondicionado como unha pista polideportiva ofrecendo á veciñanza un espazo de xogo libre multidisciplinar, onde ademais de poder practicar todo tipo de deportes, tamén poderá ser utilizado para outros usos, como por exemplo pequenos concertos ao aire libre ou representacións teatrais.

A Xunta de Goberno Local do Concello de Melide adxudicaba no día de onte o acondicionamento da pista polideportiva do parque Rosalía de Castro así como tamén o traslado das pistas de pádel ao parque Taboada Roca por un importe de 117.000 euros.  As obras comezarán no vindeiro mes de novembro e estarán rematadas antes de finais de ano.




Compartir:   Compartir Facebook Compartir Twitter Compartir Google+ Compartir Linkedin Compartir Whatsapp