- Novas
- Axenda
- Perfil de contratante
- Convocatorias
- Avisos e bandos
- Ordenanzas
- Melide en imaxes
- Facturación electrónica
- Pago provedores
Novas
Melide traballa na organización de actividades para celebrar o Día da Muller
06/03/2019. O Concello de Melide, dende a súa Concellería de Igualdade e Benestar, intensifica estes días os traballos para poñer en marcha actividades que conmemoren o vindeiro venres 8 de marzo o Día Internacional da Muller na vila
MELIDE 6 de marzo de 2019.- A Concellería de Igualdade e Benestar do Concello de Melide prepara diversas actividades para celebrar o próximo 8 de marzo o Día da Muller. Trátase dunha xornada na que esta concellería pretende facer un chamamento á igualdade de oportunidades entre homes e mulleres e poñer en valor o traballo destas últimas, moitas veces infravalorado en determinados sectores da sociedade.
O propio 8 de marzo, o Concello de Melide presentará en rolda de prensa unhas guías informativas sobre os servizos que o Centro de Información á Muller ofrece na vila. O CIM é un servizo público e de balde do Concello de Melide, a disposición de todas as mulleres, que ten por obxectivo ofrecer apoio e asesoramento aos seus problemas.
A través destas guías divulgativas, os veciños e veciñas coñecerán máis polo miúdo o traballo que se realiza no CIM de Melide así como tamén cales son os servizos de asesoramento que se ofrece e que poden ser utilizados a coste cero pola veciñanza.
Ao mesmo tempo, o vindeiro venres 8 de marzo, da fachada da casa do Concello de Melide colgará unha loneta cunha mensaxe que pedirá igualdade entre homes e mulleres non só o 8 de marzo senon tamén os 365 días do ano.
A radio municipal de Melide tamén terá programación especial con motivo do 8M. Dende as 11h da mañá e na sintonía do 107.10FM, falarán representantes das asociacións de mulleres da vila, a concelleira de Igualdade e Benestar do Concello de Melide, María Jesús López e pesoal do Centro de Información á Muller da vila. Como invitada contarase coa entrevista a Nuria Bravo, primeira muller en pilotar un helicóptero militar en España.
HOMENAXE ÁS MULLERES
Pola súa banda, dentro da programación para a celebración do 8 de marzo, terá lugar unha xuntanza-homenaxe ás mulleres, aberta a todas as veciñas de Melide que queiran compartir este acto. Este encontro de confraternidade celebrarase a semana próxima.
CONTACONTOS EN IGUALDADE
Tamén no trascurso da próxima semana, a Concellería de Igualdade e Benestar do Concello organiza un contacontos que se celebrará en cada un dos tres CEIPS da vila. Será unha actividade que se centrará na posta en valor da igualdade entre iguais, intentando inculcar valores de paridade entre os máis cativos da vila.