Novas

Máis novas

Honra a nosa señora da ANPA, primeiro premio no concurso de disfraces

05/03/2019. O concurso, que repetiu éxito, levouse a cabo no Palacio de Congresos e Exposicións de Melide, onde o humorista galego Fredi Cruxer, foi o encargado de presentar o evento. Repartíronse 2.650 euros en premios este ano na vila

MELIDE 5 de marzo de 2019.- A choiva non foi quen de apagar as ganas de troula e de entroido dos veciños e veciñas do Concello de Melide. Cun Palacio de Congresos ateigado de xente, o humorista galego, Fredi Cruxer, dispoñíase na tarde de hoxe a ser o conductor dun concurso de disfraces marcado na nosa vila polo mal tempo.

Con puntualidade no reloxo, ás 18.30h, comezaba o concurso de disfraces subindo ao escenario todos os participantes, cada un ao seu momento e en orde dependendo da súa categoría. Nun primeiro momento, puidemos ver aos participantes da categoría de individuais e parellas, seguindo os grupos ata oito persoas, e as comparsas que superaban ese número.

O primeiro premio da categoría individuais e parellas, dotado de 150 euros Nico Pastor, un disfraz composto por nai e fillo, e o segundo, dotado cunha cantidade de 100 euros foi para de novo nai e filla, co disfraz Punkies.

Na categoría de grupos o primeiro premio de 400 euros foi para Os Mexicanos, composto pos mozos e mozas de Melide. O segundo premio nesta categoría foi para A Vaquiña polo que vale, composto por tres integrantes de Melide, dous disfrazados de mulleres labregas cun tenreiro nunha carreta.  O segundo premio estaba dotado de 300 euros.

Na categoría de comparsas o segundo premio foi para As criaturas máxicas do bosque, formado por veciños e veciñas de Melide e Toques. O premio estaba dotado con 700 euros. O primeiro premio para as comparsas foi de 1000 euros e recaeu na comparsa dos pais e nais do colexio Mestre Pastor Barral, na que máis de medio centenar de persoas recrearon as festas na Honra a Nosa Señora da ANPA: atraccións, postos de feira, orquestra, zancudos e cabezudos, charanga, gaitas e preogeiros formaban parte deste colectivo.

Os rapaces e rapazas do Centro Ocupacional de Melide tamén se presentaron ao concurso e foilles entregado un detalle especial de agradecemento pola súa participación neste concurso ano tras ano.

Pese ao mal tempo, o Palacio de Congresos e Exposicións de Melide ateigouse de xente durante a tarde de hoxe con ganas de pasalo ben e de gozar dunha tarde diferente na vila.

Unha vez rematado o concurso de disfraces no Palacio de Congresos, a Asociación Cultural e Ecoloxista Curuxás organizou a lectura do pregón e a queima do entroido como xa é tradición en Melide para poñer punto final ao entroido.




Compartir:   Compartir Facebook Compartir Twitter Compartir Google+ Compartir Linkedin Compartir Whatsapp