Novas

Máis novas

Medio Ambiente destina case 80.000 euros ao novo parque do Cantón

01/03/2019. A conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, achegouse ao Concello de Melide para anunciar que nos vindeiros meses, entre as dúas administración cooperarán nun proxecto para dotar ao Cantón dun novo espazo de ocio infantil

MELIDE 1 de marzo de 2019.- A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda colaborará co Concello de Melide na posta en marcha dun novo e completo parque infantil na zona do Cantón de San Roque. Esta nova actuación sumarase e permitirá completar os traballos de humanización urbanística que nestes momentos se están a acometer na zona en virtude dun convenio de colaboración entre a Xunta e a entidade local.

Así o avanzou esta mañá durante unha visita a Melide a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, quen lembrou que a necesidade dun espazo de ocio dedicado integramente para o desfrute dos máis pequenos é unha vella demanda dos veciños do Cantón. Para darlle resposta, dixo, o seu departamento e mais o Concello de Melide comprométense a mobilizar un total de 113.341 euros para esta actuación, que se acometerá nos próximos meses co obxectivo de dotar á zona o antes posible dun parque de xogos moderno e completo.

Concretamente, a Consellería achegará 79.338 euros –é dicir, o 70% do custo total- para a execución destas obras, que inclúen a instalación dun carrusel xiratorio, dúas torres modulares con tobogán, rocódromo, barras de escalada e de bombeiros, e un gran xogo central composto por unha rede bidimensional con estrutura metálica e tobogán incorporado.

Así mesmo, tamén está prevista a instalación de caucho no solo do parque para amortecer as posibles caídas dos nenos cunha superficie adaptada a estes espazos, así como a colocación de paneis informativos nos dous puntos de acceso.

A execución deste parque infantil, como lembrou a conselleira, virá completar os traballos que se están a executar nestes momentos no Cantón de San Roque en virtude doutro convenio de colaboración entre a consellería e o Concello de Melide. Precisamente, Ángeles Vázquez tivo ocasión de visitar estas obras, que suporán a remodelación integral do Cantón e da marxe dereita da Avenida de Lugo e se atopan xa na súa fase final, coa previsión de que estean rematadas neste mes de marzo.

No marco desta intervención, na que o investimento da Consellería ascendeu a 400.000 euros, suprimíronse as barreiras arquitectónicas co fin de mellorar a accesibilidade e ampliáronse os espazos reservados para os peóns, contribuíndo á humanización da zona. En total, estase a actuar nunha superficie de máis de 5.000 metros cadrados en pleno núcleo urbano e na principal arteria de Melide polo que, tal e como subliñou a conselleira, estes traballos permitirán mellorar e modernizar a imaxe urbana que teñen da vila tanto os propios veciños como os peregrinos que pasan por ela facendo o Camiño de Santiago.

PLAN HURBE EN MELIDE

A obra de remodelación do Cantón de San Roque e da Avenida de Lugo e a futura construción dun parque infantil na mesma zona enmárcanse dentro do chamado Plan Hurbe, un programa posto en marcha no ano 2010 pola Consellería de Medio Ambiente para apoiar ás entidades locais na execución de proxectos e actuacións que contribúan a crear, mellorar ou humanizar espazos de uso público. Grazas a este programa son xa 200 as intervencións executadas en 125 concellos galegos, o que significa que no período 2010-2018 actuouse case no 40% dos municipios da comunidade.

De feito, esta non é o primeiro proxecto no que colabora a Consellería co Concello de Melide a través do Plan Hurbe. Así, Vázquez Mejuto lembrou que xa no ano 2015 este departamento destinou máis de 125.000 euros á reforma e posta en valor da rúa de San Antón polo que cifrou en máis de 525.000 euros os investimentos realizados en materia de intervencións urbanísticas neste concello coruñés.




Compartir:   Compartir Facebook Compartir Twitter Compartir Google+ Compartir Linkedin Compartir Whatsapp