Novas

Máis novas

Éxito de viaxeiros no Bus Turístico de Melide no mes de xullo

02/08/2017. Preto de medio centenar de persoas fixeron uso deste Bus Turístico dende o 10 de xullo que se puxo en funcionamento. O obxetivo do Bus Turístico é dar a coñecer o patrimonio cultural e arquitectónico de Melide, Comarca e concellos veciños

A Concellería de Turismo do Concello de Melide ten en marcha un servizo de Bus Turístico gratuito que dá a coñecer non só os monumentos máis importantes da vila senon tamén desprazará aos seus pasaxeiros ata concellos limítrofes como pode ser Palas de Rei ou Sobrado dos Monxes.

Este servizo, que se puxo en marcha no pasado mes de xullo con saída gratuita todos os días 18h dende o Cantón de San Roque tivo durante os días do pasado mes gran afluenza de viaxeiros.

Tal e como explican as técnicas de Turismo do Concello de Melide, encargadas de facer de guías durante as visitas “ houbo días nos que tivemos que deixar xente fóra, xa que o autobús ten capacidade para 25 persoas e polo tanto non podiamos levar a máis xente”.  “Arredor do 25 de xullo, chegaron a quedarse fóra do Bus Turístico máis de 20 persoas por non ter espazo para poder levar a todos os interesados”, conclúen.

Luis Arias, concelleiro de Turismo do Concello de Melide apuntaba que "puxemos en marcha esta iniciativa porque queremos que os peregrinos e a xente que nos visita nos meses de verán coñezan máis sobre a nosa vila e tamén sobre os concellos veciños xa que temos moita riqueza cultural e arquitectónica que queremos potenciar dende o Concello de Melide”.

O servizo de bus turístico terá continidade durante todo o mes de agosto.  Facer uso deste autobús é totalmente gratuito e parte ás 18h da tarde dende a Capela de San Roque e as prazas son limitadas ata completar a capacidade do propio vehículo.  Todos os pasaxeiros na súa viaxe contarán cun díptico no se que se lle explica pormenorizamente os monumentos e as zonas que van visitar, ao mesmo, o Concello de Melide, tamén pon á disposición dos participantes un técnico de Turismo que será quen sirva de guía durante todo o percorrido.

Esta iniciativa parte da Concellería de Turismo do Concello de Melide e conta co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.

PERCORRIDO TURÍSTICO

O Bus Turístico de Melide percorre diferentes lugares de interese para as persoas que visitan a vila e Comarca. Así, a viaxe comeza xunto a Capela de San Roque onde se lles explica aos asistentes as orixes da mesma capela e tamén do cruceiro situado ao seu lado, o cruceiro máis antigo de Galicia. O autobús achega aos pasaxeiros ata a Ponte de Furelos, Castelo de Pambre, Monasterio de Sobrado dos Monxes, facendo última parada en Santa María de Melide. A visita remata na emblemática praza do Convento melidense.




Compartir:   Compartir Facebook Compartir Twitter Compartir Google+ Compartir Linkedin Compartir Whatsapp