- Novas
- Axenda
- Perfil de contratante
- Convocatorias
- Avisos e bandos
- Ordenanzas
- Melide en imaxes
- Facturación electrónica
- Pago provedores
Novas
A Xunta adxudica as obras de saneamento da parroquia de Santa María de Melide
18/02/2019. Cun investimento de preto de 120.000 euros, a Xunta vén de adxudicar o saneamento na parroquia de Santa María. Esta actuación dispón dun prazo de execución de 4 meses e dota á zona dunha nova rede de case 1,5 km de lonxitude
MELIDE 18 de febreiro de 2019.- A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, vén de adxudicar as obras de saneamento da parroquia de Santa María, no Concello de Melide, por un investimento de preto de 120.000 euros.
Os traballos serán executados pola empresa ConstruccionesAlea S.L, e dispoñen dun prazo de execución de 4 meses, desde o inicio das mesmas.
Na actualidade Santa María dispón dunha rede de saneamento na parte do núcleo da parroquia que discorre pola marxe esquerda da estrada N-547 en dirección Santiago de Compostela. E o obxecto da actuación pasa por proporcionar este servicio ás vivendas e edificacións nas que a rede de saneamento non alcanza por ambas marxes da estrada nacional.
A intervención ten como obxecto dotar á parroquia dunha nova rede de saneamento, de case 1,5 Km de lonxitude, que recolla as augas residuais urbanas naquelas vivendas carentes deste servizo e a súa conexión a rede xeral existente.
Para mellorar a situación actual e prestar un adecuado servicio, a intervención contratada por Augas de Galicia comprenderá actuacións na marxe esquerda e dereita da estrada nacional, que a súa vez dispoñen de varios tramos.
Na marxe esquerda da estrada, executarase un conduto de PVC que se estenderá ao longo dun treito de máis de 0,5 Km, que se conectará augas abaixo co colector existente nesa zona.
Na marxe dereita instalarase outro conduto de PVC, dividido en dous subtramos. Un tramo de algo máis de 0,8 Km de lonxitude se conectará augas abaixo de xeito que acabe conectado ao colector da marxe esquerda da N-547, e o outro tramo de colector máis próximo ao termo municipal de Melide se conectará á rede de saneamento existente e que da servicio á piscina municipal.
Esta actuación enmarcase na cooperación da Xunta cos concellos galegos co obxectivo de que a cidadanía dispoña de servizos axeitados, especialmente á hora de garantir a calidade de vida dos veciños e veciñas do medio rural.
Estas obras contan co cofinanciamento dos Fondos FEADER, no marco do Programa de Desenvolvemento Rural PDR Galicia 2014-2020.