- Novas
- Axenda
- Perfil de contratante
- Convocatorias
- Avisos e bandos
- Ordenanzas
- Melide en imaxes
- Facturación electrónica
- Pago provedores
Novas
Festa infantil, concerto e un gran concurso para celebrar o entroido
08/02/2019. O equipo de goberno vén de aprobar en Xunta de Goberno Local a contía de 2.650 euros en premios para repartir no concurso de entroido que terá lugar, como é habitual, o martes 5 de marzo no pazo de congresos e exposicións da vila
MELIDE 8 de febreiro de 2019.- O Concello de Melide, dende o seu departamento de Cultura prepara xa as actividades que terán lugar na vila para celebrar a tradicional festividade de Entroido.
Unha das novidades máis importante da programación deste ano é que o coñecido cómico humorista colaborador do programa Luar da TVG, Fredi Cruxer, será o encargado de presentar o concurso de disfraces que terá lugar no pazo de congresos e exposicións ás 18.30h da tarde. A recepción dos participantes como é habitual terá lugar ás 16.30h da tarde no cantón de San Roque, de onde sairá o desfile, sempre que o tempo o permita. No caso de choiva, a recepción de participantes será xa no pazo de congresos ás 17.30h da tarde. Haberá diferentes premios para as categorías de comparsas, grupos e individuais e parellas.
MÁIS DE 2.500 EUROS EN PREMIOS
Establécese un total de 2.650 euros en premios que se repartirán do seguinte xeito: nas comparsas formadas por máis de oito persoas, o primeiro premio estará dotado de 1.000 euros e o segundo de 700 euros. Para os grupos , formados de tres a oito persoas, o primeiro premio será de 400 euros e o segundo de 300 euros. Na categoría de individuais e parellas, o primeiro premio será de 150 euros e o segundo de 100 euros.
Dende o Concello de Melide deixan claro nas súas bases que os menores de idade non poderán participar na categoría individual e parellas de non ir compañados dun adulto.
CONCERTO DE ENTROIDO E FESTA INFANTIL
A maiores do concurso de Entroido o martes 5 de marzo, o Concello de Melide quixo programar tamén unha festa infantil con xogos, baile, música, obradoiros e maquillaxe que terá lugar o domingo 3 de febreiro no pazo de congresos dende ás 17.30h da tarde.
O alumnado e profesorado do conservatorio de música de Melide será o encargado de poñerlle banda sonora á programación de Entroido. Para a tarde do venres 1 de marzo preparan un concerto que levará por nome “Bandas Sonoras”, e que terá lugar ás 20.30h na casa da cultura da vila, con entrada libre e gratuita.