Novas

Máis novas

O Concello notificou a máis de 100 veciños a necesidade de limpar as fincas

14/01/2019. O Concello fai balance das chamadas á responsabilidade da veciñanza para manter limpas as súas fincas e solares. No pasado ano 2018, foron 97 as solicitudes rexistradas no concello para este fin a maiores das comunicación persoais

MELIDE 14 de xaneiro de 2019.- O Concello de Melide vén de facer balance das solicitudes rexistradas por escrito na casa consistorial para chamar á responsabilidade da veciñanza no referente á limpeza de maleza das súas fincas e solares.

No pasado ano 2018 foron 97 as solicitudes rexistradas para garantir a seguridade das persoas e de vivendas próximas ante o posible risco de incendios. Nestes documentos, lembrábaselles aos veciños e veciñas que eran eles os que tiñan a obriga legal de conservar nas mellores condicións os seus terreos. A maiores das comunicacións por escrito, dende o Concello de Melide tamén se trasladaron avisos aos donos afectados telefónicamente ou de maneira persoal por parte da Policía Local ou da conselleira de área, “polo que o número de advertencias supera con creces as cen. Normalmente as solicitudes por escrito se fixeron para propietarios que non residen en Melide ou herdeiros de fincas”, apuntan dende o organismo local.

Dende o Concello de Melide, aínda que non nos atopemos nestes momentos nos meses máis cálidos do ano, retiran o seu chamamento a toda a veciñanza da zona rural a levar a cabo de maneira periódica os necesarios traballos de limpeza e conservación. E recorda que, no caso de non atender estes requirimentos, poderíase iniciar un expediente sancionador por incumprimento dos preceptos legais con posibles multas coercitivas que poderían ir dos 300 aos 6.000 euros.

A alcaldesa de Melide, Dalia García, recorda que  a administración local non pode actuar directamente en propiedades privadas, senón que debe actuar a través das remisións das correspondentes solicitudes que os donos teñen que respectar. García lembra que “se os que reciben notificacións non cumpren as súas obrigas, deben saber que serán os responsables directos no caso de producirse calquera tipo de dano”. Por iso, fai especial fincapé na necesidade de que a veciñanza tome conciencia e colabore na medida do posible para acabar coa lacra dos lumes azouta Galicia ano tras ano.




Compartir:   Compartir Facebook Compartir Twitter Compartir Google+ Compartir Linkedin Compartir Whatsapp