- Novas
- Axenda
- Perfil de contratante
- Convocatorias
- Avisos e bandos
- Ordenanzas
- Melide en imaxes
- Facturación electrónica
- Pago provedores
Novas
A San Silvestre Solidaria repite éxito en Melide
03/01/2019. A Asociación Deportiva Cerne Melide, coa colaboración do Concello de Melide, puxo en marcha o último día do ano a tradicional carreira de San Silvestre na vila, que como é habitual, un ano máis, tivo compoñente solidaria
MELIDE 3 de xaneiro de 2019.- Melide acolleu o pasado luns, coincidindo co último día do ano a carreira de san silvestre. O evento deportivo foi organizado pola Asociación deportiva Cerne Melide e contou coa colaboración do Concello de Melide. Gozouse dun ambiente familiar xa que os máis cativos tiveron a oportunidade de realizar un pequeno percorrido, media hora antes da carreira dos adultos.
A proba, non competitiva, dos adultos, consistiu nun percorrido circular que comezou na praza do Convento con dirección ao parque da urbanización Taboada Roca, para realizar dende alí o percorrido de cara a meta, pasando polo Camiño dos Tagarros, percorrendo a zona máis antiga da vila e con dirección á praza de saída. Foron un total de tres quilómetros.
A carreira da San Silvestre tivo en Melide de novo este ano, un engadido especial, foi de novo solidaria e polo tanto para conseguir o dorsal era necesario aportar un alimento non perecedoiro. A praza do Convento, encheouse nas horas previas á saída da carreira de alimentos donados, mesmo de veciños que non participaron na carreira pero quixeron aportar o seu gran de area a esta iniciativa solidaria.
Dende Cáritas Parroquial de Melide fan un balance moi positivo da recollida de alimentos xa que unha vez máis a vila de Melide responde de maneira masiva ante esta iniciativa. Pola súa banda, a alcaldesa de Melide, non ten máis que palabras de agradecemento para a Asociación Deportiva Cerne Melide “que unha vez máis organizou esta proba na vila, a mellor maneira de rematar o ano, entre veciños e facendo deporte cun compoñente solidario a maiores. A receta perfecta para rematar o ano”.