Novas

Máis novas

O centro social acolle unha ampla programación para os días do Nadal

20/12/2018. Como é habitual por estas datas, o centro social de Melide acolle unha ampla programación para os seus socios e socias para o día de Nadal, o día de aninovo e o día de Reis. Ponse en marcha unha campaña de recollida de xoguetes

MELIDE 20 de decembro de 2018.- O Concello de Melide, dende a Concellería de Igualdade e Benestar Social, organiza unha ampla programación de Nadal que se celebrará como é habitual por estas datas no centro social. Ofrécense así, nos días centrais das celebracións de Nadal eventos para celebrar cos seus iguais na vila.

Os maiores poderán gozar dun baile e degustación de produtos típicos destas datas no centro social o martes 25 de decembro, día de Nadal ás 18.30h. O martes 1 de xaneiro, tamén os maiores poderán reunirse para celebrar o aninovo cun brinde e baile amenizado por Suso de Boente ás 18h.

Xa o propio día de Reis, o domingo 6 de xaneiro, o centro social acollerá unha festa para todos os socios con baile con música en directo, degustación de chocolate e roscón de Reis con obsequios e agasallos para os presentes.

Como é habitual, a alcaldesa de Melide, Dalia García e a concelleira de Igualdade e Benestar Social, María Jesús López, e outros membros do goberno local, acompañarán aos usuarios e usuarias do centro social nestes días tan sinalados no calendario.

CAMPAÑA DE RECOLLIDA DE XOGUETES

Tamén dende o centro social e dende a concellería de Igualdade e Benestar Social do Concello de Melide, poñen en marcha unha campaña de recollida de xoguetes de Nadal.

Os xoguetes terán que estar en bo estado para poder ser entregados. A campaña, que durará ata o 2 de xaneiro, pretende recoller un gran número de xoguetes para entregar entre a poboación máis necesitada do concello. Trátase dunha campaña que se pon en marcha anualmente por estas datas baixo o lema “Para que todas as nenas e nenos teñan agasallos no Nadal”.

Finalizado o prazo de entrega, os servizos sociais do Concello de Melide repartirán os xoguetes recollidos nesta campaña entre as familias con menos recursos da vila. Deste xeito, todos os rapaces e rapazas poderán gozar dun agasallo nun día tan especial e esperado para eles como é o día dos Reis, no que a ilusión e a diversión debe ser o que predomine en todos os nenos e nenas.




Compartir:   Compartir Facebook Compartir Twitter Compartir Google+ Compartir Linkedin Compartir Whatsapp