- Novas
- Axenda
- Perfil de contratante
- Convocatorias
- Avisos e bandos
- Ordenanzas
- Melide en imaxes
- Facturación electrónica
- Pago provedores
Novas
A renovada ponte Mazaira volve unir os concellos de Melide e Toques
17/12/2018. A alcaldesa de Melide, Dalia García, xunto co seu homólogo en Toques, Miguel Buján e os conselleiros de Medio Rural e Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, José González e Ángeles Vázquez, asistiron ao acto de inauguración
MELIDE 17 de decembro de 2018.- A Consellería do Medio Rural destinou algo máis de 300.000 euros na construción dunha nova ponte sobre o río Furelos, que conecta os concellos de Melide e Toques. “Trátase dunha obra de gran importancia a nivel local, porque permite mellorar a mobilidade no rural e, consecuentemente, a calidade de vida dos veciños destes dous concellos coruñeses”. Así o destacou o conselleiro José González na inauguración desta infraestrutura, na que tamén estiveron presentes a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, o director xeral de Desenvolvemento Rural, Miguel Pérez Dubois, e os alcaldes de Melide, Dalia García, e de Toques, Miguel Ángel Buján.
As obras consistiron na retirada da vella ponte que estaba en estado ruinoso e a construción dunha nova estrutura de case 30 metros de lonxitude e seis metros de ancho. Ademais, adecuáronse os viarios de acceso á ponte con regos asfálticos, con lonxitudes de 475 metros no lado de Melide e de 330 metros no lado de Toques.
A alcaldesa de Melide, Dalia García, sinalaba que “esta obra é froito dunha reclamación histórica dos veciños da zona e, máis en concreto, do colectivo de pescadores da asociación de pesca Río Furelos”. Con esta actuación, non só se facilitan as comunicacións senón que se dota á poboación dos servizos básicos necesarios para vivir dignamente no rural.
Pola súa parte, a conselleira Ángeles Vázquez salientou que esta obra é moi importante a nivel medio ambiental, xa que os traballos redundan na mellora e conservación desta zona natural, un punto de encontro de pescadores por ser o río Furelos un río troiteiro. Agradeceu o empeño da Asociación de pesca Río Furelos para actuar neste punto, promovendo así o coñecemento e posta en valor da contorna natural e biodiversidade, en definitiva, promovendo a súa protección. Finalmente salientou o papel da pesca fluvial, unha actividade que aglutina ambas vantaxes, ao ofrecer coñecemento sobre o medio natural e o comportamento dos peixe e tamén ten potencialidade como dinamizador da contorna e do turismo de natureza.