Novas

Máis novas

Actividades para toda a familia no Nadal Cultural do Concello de Melide

13/12/2018. O Concello de Melide programa actividades durante todo mes de decembro e a primeira semana de xaneiro, dirixidas a grandes e cativos para que a veciñanza poida gozar de tempo de ocio sen saír da vila nestas datas de nadal

MELIDE 13 de decembro de 2018.- O Concello de Melide, dende a súa concellería de Cultura e Deporte pon en marcha un amplo programa de actividades que comezan este mesmo xoves, coa apertura da exposición artes plásticas Isaac Díaz Pardo. Esta mostra poderá visitarse ata o 7 de xaneiro en horario de 17h a 20h na sala de exposicións da casa da cultura.

Será xa este sábado 15 de decembro, cando a música chegue a Melide co concerto “Europejska e a Banda de Música da Coruña” ás 20h na casa da cultura con entrada de balde. Música que continuará tamén o domingo cunha nova edición do concerto de panxoliñas, organizado pola Coral Polifónica de Melide que compartirá escenario coa Coral Voces del Bierzo e a Coral Eixil de Cedeira.

O día 18 de decembro, comezará en Melide un curso de monitor de fútbol sala que se levará a cabo ata mediados do mes de febreiro, no edificio multiusos da vila.

Na fin de semana véspera de Nadal, a Asociación Cultural Charamela chega a programación do Concello de Melide para estas datas con dúas representacións teatrais. A primeira, o venres 21 de decembro, titúlase “Bo Nadal” e será interpretada polo grupo de teatro da escola cultural do Concello de Melide e dirixido por esta asociación local. A segunda, o sábado 22 de decembro, a Asociación Cultural Charamela, poñerá en escea “Pode ser calquera….” Con entrada de balde ás 21h na casa da cultura. O domingo, 23 de decembro, volve a música a Melide co concerto da Banda de Música do Rosal ás 20h. tamén na casa da cultura.

A última semana do ano, estará adicada a programación familiar en Melide. Así, o mércores 26 de decembro, proxectarase “Vaiana” e o venres 28 será a quenda para o filme infantil “Gasaku”, ámbalas dúas serán na casa da cultura con entrada de balde ás 18h da tarde. Neste mesmo lugar, diferente día, o sábado 29 de decembro, chega a Melide o musical infantil “Puño Puñete” da Compañía Baobab Teatro ás 18.30h.

Os máis deportistas poderán rematar o ano correndo a San Silvestre Solidaria Melidense que colaborará como ano pasado con Cáritas Melide, unha actividade organizada pola Asociación deportiva Cerne. O horario para os escolares será ás 16.30h e para os adultos ás 17h.

O ano en Melide comezará con moitas actividades para grandes e cativos. A primeira proposta por parte do Concello de Melide será o mércores 2 de xaneiro ás 17.30h. na biblioteca municipal de Melide con “Menú de contos con Charo Pita”.

Como anos anteriores, tamén se poñerá en marcha unha excursión para patinar sobre xeo que terá lugar en Santiago de Compostela o mércores 3 de  xaneiro. As inscricións teñen que facerse no departamento de Cultura nas dependencias municipais.

Os Reis Magos chegará a Melide na tarde do 5 de xaneiro, dende as dependencias municipais organizan unha gran festa para recibilos.

A programación do Concello para estas datas, rematará o venres 11 de xaneiro cunha gala de fin de campaña de nadal de Asetem, na casa da cultura ás 20.30h.

OCIO NADAL MELIDE 2018

Como acontecía en anos anteriores o Concello de Melide dará continuidade á iniciativa Ocio Nadal Melide. No  pazo de congresos e exposicións de Melide instalarase unha pista artificial de xeo, con coches eléctricos, inchábles, miniexcalextric e talleres de pintura. Un espazo de ocio dirixido ao público infantil nas tardes de ocio de Nadal. Este espazo poderá visitarse dende o 22 e ata o 30 de decembro en horario de 16.30h a 20.30h. Para o último día, o día 30, está preparada unha gran festa infantil de fin de ano para todos os que se acheguen ao palacio de congresos.




Compartir:   Compartir Facebook Compartir Twitter Compartir Google+ Compartir Linkedin Compartir Whatsapp