- Novas
- Axenda
- Perfil de contratante
- Convocatorias
- Avisos e bandos
- Ordenanzas
- Melide en imaxes
- Facturación electrónica
- Pago provedores
Novas
Tres días cheos de ilusión co VI Festival de Maxia de Melide
10/12/2018. Melide acolleu esta pasada fin de semana o VI Festival de Maxia que acolleu tres galas na casa da cultura e ademais concentrou talleres e espectáculos de maxia por moitos lugares da zona antiga e da residencia de ancianos
MELIDE 10 de decembro de 2018.- Melide encheuse de maxia durante tres días, venres, sábado e domingo, co sexto Festival de Maxia que se celebrou unha ano máis na vila e que foi capaz de emocionar a grandes e cativos.
A maxia contou en Melide esta pasada fin de semana con numerosos espazos, estivo presente na residencia de maiores, na zona vella da vila, na sala de exposicións e na casa da cultura, este último lugar onde tiveron lugar as tres galas do festival que contaron con numerosa afluenza de público.
“Trátase dun evento que concentra a numeroso público na nosa vila ao que se achegan persoas doutros concellos e incluso das cidades xa que contamos cun cartel ano tras ano que non deixa de sorprender, con magos de renome”, explicaba a alcaldesa Dalia García. “Este ano non foi menos, a nosa casa da cultura, encheuse e mesmo houbo veciños e veciñas que non puideron entrar xa que o aforo co que se contaba era limitado”, decía García.
A gala final, celebrada no día de onte, tivo como presentador a Dani Polo, mago local, que conta cun premio nacional de maxia entre outros galardóns e que ano tras ano é o encargado de producir este festival en Melide. Durante a xornada de onte, enriba do escenario da casa da cultura, o público puido ver aparecer e desaparecer persoas coa maxia de Edama, coñecer a maxia de manipulación con David Díaz, sumerxirse na maxia máis moderna con Raul Alegría ou a maxia máis clásica con Fernando Arribas.
O sábado o mago Yunke, amosou a súa maxia a un auditorio cheo de xente que puido asombrarse co bo facer deste mago televisivo que espertou o asombro dos alí presentes co seu espectáculo “Conjuro”.
A terceira gala de maxia, que foi a primeira cronoloxicamente, o venres, foi a gala infantil que tivo a un único mago condutor, o Mago Linaje, quen ao longo de hora e media espertou a imaxinación dos máis cativos e fíxoos viaxar polo camiño das ilusións.
A maiores das tres galas, o Festival de Maxia de Melide contou con outras actividades como por exemplo, maxia na zona vella, maxia para os usuarios e usuarias da residencia, un obradoiro de maxia para os máis pequenos da vila, maxia familiar con Fernando Arribas, e tamén outro espectáculo similar con Pedro Bugarín, o domingo ao mediodía na praza das Ichoas.