Novas

Máis novas

Medio Rural destinará axudas á Comarca da Terra de Melide e aos concellos veciños por importe de máis de 500.000 euros

26/07/2017. Arzúa, Toques e Sobrado dos Monxes son municipios que tamén verán melloradas as súas estradas e conexións grazas á sinatura dun convenio co Consellería de Medio Rural. As pontes sobre o río Iso ou o Furelos serán obxeto destas melloras

O Concello de Melide vén de asinar un convenio coa Consellería de Medio Rural por medio do cal se arranxarán diferentes viarios así como conexións con pontes que na actualidade se encontran deterioradas e que en moitos casos o tránsito por elas é totalmente imposible.

Grazas a este convenio coa Consellería de Medio Rural, non só será Melide e as súas parroquias ás que poidan mellorar as súas infraestruturas senón tamén, concellos limítorfes como Arzúa, Toques ou Sobrado dos Monxes serán obxeto de mellora.

Investiranse preto de 300.000 euros para a reforma integral da Ponte Mazaira dando cumprimento a unha reinvindicación histórica dos veciños da zona, en especial aos pescadores do treito do río Furelos. Ao mesmo tempo, esta mellora tamén beneficiará aos veciños e veciñas que posúen propiedades a ambas dúas marxes do río para a súa labor agrícola.  Dentro das melloras que ofrecerá este investimento está o incremento da calidade ambiental, xa que o paso do río se fará por unha ponte, sen afectar ao seu treito.

Respecto á estrada que une Melide e Sobrado dos Monxes, levarase a cabo a segunda fase dun proxecto xa iniciado por Medio Rural a través do Plan de Emerxencias de 2016 e no que xa se investiron 120.000 euros. Nese momento renovouse unha zona do viario de cada concello. As actuacións que se prevén agora son para completar esta actuación nunha zona moi deteriorada do viario que une estes dous municipios e conta cun total de 2,4 quilómetros.

Entre outros traballos que se levarán a cabo e que contempla este convenio atópase a construción dunha ponte entre o lugar de A Mella en Arzúa e a parroquia de Baltar en Melide, sobre o río Iso, cun investimento de 100.000 euros para ámbolos dous concellos e que redundará no beneficio de veciños que se viven preto deste lugar, xa que poderán utilizalo como paso obrigatorio no seu día a día con total seguridade. As actuacións que se realizarán consistirán na reposición da drenaxe transversal sobre o río, e dado que a estrtutura actual se atopa nun estado deficiente, demolerase a obra existente para facer unha nova cimentación e o pórtico, ademais de reafirmar o camiño.

A alcaldesa de Melide, Dalia García apunta á necesidade das obras “xa que en moitos puntos as nosas conexións cos concellos veciños son moi deficientes” e agradece á Consellería de Medio Rural “que tivera a ben atender as demandas dos veciños de Melide e Comarca” facendo especial fincapé “no compromiso que a Xunta de Galicia ten co rural e coas necesidades dos concellos pequenos, realizando estas melloras que son totalmente necesarias para aqueles veciños e veciñas que utilizan estas vías de comunicación no seu día a día”.




Compartir:   Compartir Facebook Compartir Twitter Compartir Google+ Compartir Linkedin Compartir Whatsapp