- Novas
- Axenda
- Perfil de contratante
- Convocatorias
- Avisos e bandos
- Ordenanzas
- Melide en imaxes
- Facturación electrónica
- Pago provedores
Novas
Medio centenar de mulleres participarán nunha xornada de respiro
28/11/2018. Veciñas de idades diferentes participarán este sábado nunha xornada de respiro organizada polo Concello de Melide. Esta actividade enmárcase dentro das actividades que se organizan para a conmemoración do 25N na vila melidense
MELIDE 28 de novembro de 2018.- O Concello de Melide ten organizado para o vindeiro sábado 1 de decembro unha xornada de respiro na que participarán medio centenar de veciñas da vila de diferentes idades e que se enmarca dentro das actividades que se poñen en marcha para conmemorar o 25 de novembro, día contra a Violencia de Xénero.
A xornada dará comezo o sábado ás 10.30h da mañá, cando un autobús recolla a todas as participantes diante da capela de San Roque para achegalas ao Balneario Río Pambre, onde o grupo de mulleres gozará de actividades de terapia acuática e en terra. Máis tarde, todas compartirán un xantar de confraternidade.
Xa pola tarde e nas instalacións do Balneario Río Pambre, terá lugar unha charla que leva por nome “Diversidade afectivo sexual e de xénero”. Será impartida por persoal especializado na materia que dará resposta ás dúbidas que poidan xurdir ás asistentes.
A xornada de respiro rematará a última hora da tarde onde as participantes compartirán un anaco do seu tempo cun coñecido monologuista galego que ofrecerá o seu espectáculo como remate da xornada. Todas as mulleres terán un agasallo de recordo da xornada, elaborado polos rapaces e rapazas do Centro Ocupacional de Melide, como sucedía tamén, o ano pasado.
A rexedora melidense, Dalia García, amosábase satisfeita pola boa acollida que tivo, por segundo ano consecutivo esta actividade organizada dende a concellería de Igualdade do Concello de Melide xa que “quedaron veciñas en lista de agarda por falta de prazas dispoñibles”. García explica que “dende o departamento de Igualdade do noso concello seguirase traballando sempre en actividades que teñan como obxetivo a erradicación da violencia de xénero, unha lacra coa que convén rematar o máis rápido posible”.