- Novas
- Axenda
- Perfil de contratante
- Convocatorias
- Avisos e bandos
- Ordenanzas
- Melide en imaxes
- Facturación electrónica
- Pago provedores
Novas
O VI Festival de Maxia de Melide enche de ilusión durante tres días a vila
27/11/2018. O Festival celebrarase os días 7, 8 e 9 de decembro, todos os espectáculos terán entrada de balde e aforo limitado. A casa da cultura, a residencia de maiores, ou a zona antiga serán lugares ata onde se desprazarán os magos
MELIDE 27 de novembro de 2018.- A alcaldesa de Melide, Dalia García, xunto coa concelleira de Cultura, Dolores Gómez e Dani Polo, o mago local, presentaron no salón de plenos da Casa do Concello a VI edición do Festival de Maxia que se celebrará na vila os días 7, 8 e 9 de decembro.
“Trátase dun evento que concentra a numeroso público na nosa vila ao que se achegan persoas doutros concellos e incluso das cidades xa que contamos cun cartel ano tras ano que non deixa de sorprender, con magos de renome”, explica a alcaldesa Dalia García.
Pola súa banda, o melidense Dani Polo, actual Premio Nacional de Maxia, entre outros galardóns obtidos no presente ano, será o encargado de producir este VI Festival de Maxia na nosa vila. Na presentación do evento, avanzaba que “nesta edición conservaremos actividades realizadas en anos anteriores pero tamén incorporaremos sorpresas que non deixarán indiferente a ninguén”.
A entrada á casa da cultura para todos os espectáculos será totalmente gratuita e para poder acceder ao recinto tan só será necesario a recollida do ticket na billeteira deste edificio cunha hora de antelación.
OITO MAGOS NO FESTIVAL
Este festival de maxia contará coa presenza de oito magos de renome que configurarán unha programación para grandes e cativos. Co mago local Dani Polo encargado de producir este festival, tamén nos farán soñar esa fin de semana coa maxia o Mago Linaje, Yunke, Pedro Bugarín, David Díaz, Edama, Fernando Arribas e Raúl Alegría.
UNHA PROGRAMACIÓN PARA TODAS AS IDADES
O Festival de Maxia chegará ao Concello de Melide o venres 7 de decembro. Comezará pola tarde ás 16h cun espectáculo de maxia para os maiores da residencia. Será ás 19.30h cando teña lugar unha Gala de Maxia Infantil na Casa da Cultura co Mago Linaje e ás 22h o turno será para a maxia de preto na zona histórica con algún magos do festival.
Xa durante a xornada do sábado, as actividades comezarán ás 11.30h cun obradoiro de maxia na casa da cultura para nenos e nenas con idades superiores aos 8 anos. As inscricións poden realizarse xa no departamento de Cultura do Concello de Melide ou ben no teléfono 981 50 50 03. Ás 18h. será a quenda para un espectáculo de maxia familiar na sala de exposicións da casa da cultura con Fernando Arribas. Para finalizar ese segundo día de festival, terá lugar ás 20.30h. unha gran Gala Unipersonal na casa da cultura co mago Yunke que presentará o seu traballo “Conjuro”.
Xa para a xornada final do domingo, o festival de maxia ten preparado un espectáculo de maxia familiar na praza das Ichoas con Pedro Bugarín. Se chove, trasladarase á sala de exposicións da casa da cultura. Como é habitual, o broche de ouro será para a gran Gala Internacional de Maxia que se celebrará na casa da cultura e albergará os espectáculos de Dani Polo, Raúl Alegría, Fernando Arribas, Edama e David Díaz.