Novas

Máis novas

A Xunta inviste preto de 35.000 euros para melloras na escola infantil municipal

06/11/2018. A escola infantil municipal será beneficiaria dunha axuda da Xunta, a través da súa Consellería de Política Social cun total de 34.915 euros para realizar obras de mellora, accesibilidade e adquisición de novo equipamento

MELIDE 6 de novembro de 2018.- A escola municipal do Concello de Melide vén de recibir unha axuda de 34.915 euros realizar diferentes melloras. Trátase dunha axuda que provén da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia e está cofinanciada nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020.

Así, o Concello de Melide, levará a cabo melloras na escola municipal en canto a accesibilidade do edificio e do equipamento para o desenvolvemento da actividade, incluida a compra de mobiliario interior e exterior e de material didáctico para o xogo. Esta axuda, tamén permitirá ao edificio que alberga a gardería municipal que sexa dotado de conexión a internet e compra de dispositivos, como ordenadores ou encerados dixitais, para a integración das novas tecnoloxías na aula.

Dalia García, alcaldesa de Melide, explicaba que esta axuda permitirá unha reforma na calefacción do edificio, así como a adquisición de novo mobiliario entre outras actuacións que beneficiarán aos máis cativos que no seu día a día fan uso desta instalación municipal.

Na provincia de Coruña, esta liña de axudas financia actuacións en 14 centros de atención á infancia de 0 a 3 anos. Na provincia da Coruña beneficiáronse ademais de Melide, Ames, Brión, Negreira, Ordes, Teo, Vedra, Cariño, Neda, Valdoviño, Arteixo, Miño e Ribeira.

Esta liña de axudas está dirixida ás corporacións locais que teñan en funcionamento unha escola infantil 0-3 ou un punto de atención á infancia da súa titularidade, ou aquelas que unicamente dependan da dotación do equipamento preciso para o desenvolvemento da actividade para seren postos en marcha no curso 2018/19. En concreto, mediante esta orde fináncianse obras menores de adecuación e mellora das infraestruturas dos centros de atención á primeira infancia, así como obras novas de escasa contía que melloren a accesibilidade ou doten o edificio de servizos necesarios.




Compartir:   Compartir Facebook Compartir Twitter Compartir Google+ Compartir Linkedin Compartir Whatsapp