Novas

Máis novas

Melide amosou todo o seu potencial no Centro Comercial As Cancelas

22/10/2018. Melide participou durante a pasada semana nun proxecto pioneiro que se puxo en marcha no Centro Comercial As Cancelas. Así, durante sete días, foi protagonista con exposicións sobre vila e tamén con numerosas actividades

MELIDE 22 de outubro de 2018.- Melide foi protagonista durante toda a pasada semana no Centro Comercial das Cancelas con exposicións e actividades que amosaron o potencial productivo, gastronómico, cultural e de ocio que ten a nosa vila.

Facendo ver a realidade do hashtag #melidetesdetodo sendo o lema principal do comercio dominical de Melide, o Centro Comercial As Cancelas, acolleu baixo o seu teito unha pequena representación da vila.

O obxetivo principal do Concello de Melide con esta acción, foi o de trasladar Melide á capital de Galicia e dar a coñecer e promover o que se fai na vila nun centro comercial, baixo teito, e polo que pasan cada día milleiros de persoas. Deste xeito, ao longo de toda a semana pasada trasladouse simbólicamente o municipio de Melide ao espazo das Cancelas para promocionar os seus negocios e as súas xentes nun espazo pechado.

Neste proxecto pioneiro participaron veciños e veciñas de Melide cos seus negocios e productos por medio de diferentes stands. Así, estiveron presentes tamén membros do Grupo de Desenvolvemento Rural Ulla Tambre Mandeo, do que Melide forma parte, a Asociación de Empresarios da Terra de Melide e Melide Móvese. Tampouco  faltaron os doces típicos tradicionais, como son o rico, o melindre e o amendoado ou unha exposición do Museo da Terra de Melide que amosou aos visitantes as raíces da nosa vila

Formaron tamén parte da promoción de Melide neste centro comercial a exposición do vehículo co que os pilotos melidenses de rallie, Xesús Ferreiro e Javier Anido gañaron varias probas. 

A alcaldesa de Melide, Dalia García, valora moi positivamente que Melide teña participado nesta iniciativa pioneira que se poñía en práctica por primeira vez no Centro Comercial As Cancelas. “Deuse a coñecer a nosa vila en moitos ámbitos, non só a nivel de ocio senon tamén a nosa gastronomía que tamén puido degustarse, así como o potencial co que conta Melide a nivel de emprendemento, onde moitas iniciativas novidosas se amosaron e degustaron neste espazo” explica. “O noso lema é que en Melide Tes de Todo, lema que puido reflectido en todas as actividades que se puxeron en marcha esta pasada fin de semana”, conclue García. 

FIN DE SEMANA DE ACTIVIDADES

Xa durante a xornada do venres e o sábado,  programáronse un sinfín de actividades dentro do centro comercial que tiveron a Melide como protagonista.

Durante a tarde do venres, a alcaldesa de Melide, Dalia García, acudiu a este centro comercial da capital de galega, xunto coa xerente do GDR Ulla Tambre Mandeo e a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia, alcaldes de concellos veciños, representantes de asociación de Melide, e varios concelleiros do seu equipo de goberno, para coñecer de preto a representación de Melide no centro comercial  e dirixirse aos alí presentes, contándolles un pouco máis da vila melidense nun pequeño discurso que dirixiu aos presentes e aos mesmo tempo que agradeceu a aqueles que levaban días promocionando Melide nas Cancelas.

O acto foi presentado por Manuel de Andrade, un melidense coñecido na televisión da Galicia pola súa participación no Luar.

Ao mesmo tempo, estiveron presentes emprendedores locais que presentaron as súas alternativas máis novidosas no Centro Comercial, como foi Bodegas Mejuto, que ofreceu unha degustación dos seus vermút con música en directo. A Efa piñeira de Arzúa preparou para o venres unha xornada de degustación de produtos da Comarca.

O sábado tamén estivo cheo de actividade no Centro Comarcial de As Cancelas. Dende ás 12 da mañá os máis cativos puideron gozar con diferentes alternativas de ocio con hinchables varios e cun carrito de flocos de millo, tanto en horario de mañá como de tarde por parte da empresa local Xanela Ocio e Animación.

Os xogos tradicionais tiveron o seu oco na programación cunha competición con premios organizada pola Asociación Galega do Xogo Popular e Tradicional.

A repostaría tradicional de Melide, representada pola Asociación Melide Terra Doce, puxo en marcha un showcooking que amosou a elaboración en directo dos ricos e posterior degustación de licores, maridando así os melindres, ricos e amendoados co esta bebida xunto cos queixos da Terra de Melide con Denominación de Orixe Protexida e Denominación de Orixe Arzúa-Ulloa. Esta actividade contou coa colaboración da Asociación Melide Terra Doce, Bodegas Mejuto e Lácteos Terra de Melide.

Como peche da semana de Melide nas Cancelas, o mago local Dani Polo, finalista do concurso Pura Magia de TVE, sorprendeu aos asistentes cunha gran actuación de maxia no centro comercial.




Compartir:   Compartir Facebook Compartir Twitter Compartir Google+ Compartir Linkedin Compartir Whatsapp