Novas

Máis novas

Novas instalacións deportivas e de ocio na urbanización Taboada Roca

10/10/2018. Melide conta cun novo espazo de ocio e deportivo renovado na urbanización Taboada Roca. Dúas pistas de pádel, parque infantil, unha pista de tenis e multideportiva configuran esta nova instalación da que xa gozan os veciños e veciñas

MELIDE 10 de outubro de 2018.- O Concello de Melide conta con novas instalacións deportivas e de ocio que se sitúan na urbanización Taboada Roca, ao carón da piscina municipal climatizada.

Trátase da renovación e aproveitamento dun espazo que se atopaba en condicións pouco aceptables tanto para a práctica do deporte como para o ocio infantil. Así, dende o Concello de Melide, cun investimento de 117.000 euros, realizáronse  melloras de restauración dun parque que contaba con elementos moi deteriorados e pavimento de area para implantar agora unha nova dotación de caucho, homologada, con novos xogos, aptos para o uso de nenos e nenas ata os 10 anos de idade.

A maiores do novo parque infantil co que conta esta instalación, hai que sumárlle as dúas pistas de pádel que se trasladaron do parque Rosalía de Castro a esta ubicación, por entender que axudan a complementar a oferta deportiva da zona. Dúas pistas de pádel exteriores, que serán xestionadas de igual maneira que as interiores do Palacio de Congresos e Exposicións, no departamento de Cultura e Deportes do Concello de Melide. 

Como complemento a toda a oferta de ocio e deportiva desta zona de Melide, engádeselle unha pista de tenis ou multideportiva coa que xa se contaba nesta lugar, dándolle acceso directo dende as novas instalacións, unificando deste xeito todas as posibilidades que se ofrecen neste parque recentemente inaugurado.

A alcaldesa de Melide, Dalia García, apuntaba que “esta rehumanización da zona supón un aproveitamento máis eficiente do espazo e que sen dúbida redundará en beneficios dos veciños e veciñas da vila que fan uso das instalacións no seu día a día”. García engadía que “esta obra complementa tamén o mellor aproveitamento do espazo no parque Rosalía de Castro, parque máis céntrico que debido ao traslado das súas pistas de pádel para o parque da urbanización Taboada Roca, permítenos unha ampliación do espazo de ocio infantil”.




Compartir:   Compartir Facebook Compartir Twitter Compartir Google+ Compartir Linkedin Compartir Whatsapp