Novas

Máis novas

Preto dunha trintena de persoas comezan o taller de memoria do centro social

01/10/2018. Preto dunha vintena de persoas comezaron este luns o taller de memoria dentro das actividades que ofrece o centro social para este curso 208/2019. Terá lugar os luns durante unha hora e é unha actividade gratuita para os veciños

MELIDE 1 de outubro de 2018.- A Concellería de Igualdade e Benestar do Concello de Melide puxo hoxe en marcha o taller de memoria que ten lugar todos os anos na vila dende o mes de outubro e ata o mes de maio.

Na xornada de hoxe, a alcaldesa de Melide, Dalia García e María Jesús  López Mourón, a concelleira de Igualdade e Benestar, inauguraban este taller nas instalacións do Centro Social. Esta actividade desenvolverase todos os luns de 11.30h a 12.30h.

A psicóloga do Centro de Información á Muller, María Gómez, e a Educadora Familiar,  María Jesús Segade, son as encargadas de dirixir o taller de Memoria en Melide que conta cada vez con máis éxito entre as persoas da terceira idade. É unha actividade totalmente gratuita.

María Jesús López Mourón, concelleira de Igualdade e Benestar do Concello de Melide, explicaba que “dende a concellería que dirixo facemos un esforzo especial para que este ano poidamos aumentar un día máis á semana o taller de Memoria, pero entendemos que esta actividade non é só para o ocio senón que beneficia o benestar e axuda ao desenvolvemento cognitivo dos nosos veciños e esa é a razón pola que unimos esforzos e ofrecemos esta actividade máis horas das que se facía anos anteriores”.

OUTRAS ACTIVIDADES

Co comezo do mes de outubro, o centro social dá comezo a todas as súas actividades que irán tendo as súas sesións de incio ao longo desta semana.

Dende o departamento de Igualdade e Benestar do Concello de Melide informan que unha das novidades deste ano é o ioga que dará comezo o vindeiro xoves xunto co obradoiro de coidados da pel e maquillaxe que tamén é unha das demandas que verán cumpridas os veciños de Melide. Entre as actividades con máis éxito atópase a ximnasi de mantemento que conta con tres grupos e con lista de agarda.




Compartir:   Compartir Facebook Compartir Twitter Compartir Google+ Compartir Linkedin Compartir Whatsapp