- Novas
- Axenda
- Perfil de contratante
- Convocatorias
- Avisos e bandos
- Ordenanzas
- Melide en imaxes
- Facturación electrónica
- Pago provedores
Novas
Melide contará cun obradoiro de emprego para o mantemento das zonas verdes
24/09/2018. O Concello de Melide xunto co veciño Concello de Boimorto foi beneficiario dun obradoiro de emprego da Xunta de Galicia que ser centrará na instalación e mantemento de xardíns e zonas verdes e terá unha duración de nove meses
MELIDE 24 de setembro de 2018.- O Concello de Melide xunto co Concello de Boimorto poñerá en marcha un obradoiro de emprego que levará por nome “Melide-Boimorto: Natureza no Camiño de Santiago” que terá un total de 20 prazas.
Este obradoiro de emprego dividirase en dúas especialidades, por unha banda a actuacións auxiliares en viveiros, xardíns e centro de xardinería e pola outra na instalación e mantemento de xardíns e zonas verdes cun orzamento total de 303.807 euros.
Dalia García, a alcaldesa de Melide destacaba o “compromiso claro da Xunta de Galicia para traballar cos Concellos na creación de postos de traballo de calidade e con futuro, sendo a formación que reciben os participantes nos obradoiros de emprego un aval para poder acceder ao mercado de traballo con garantías”. García, facía especial fincapé en que “é o primeiro obradoiro de emprego que terá unha duración de nove meses, mentres que os anteriores eran de seis”.
VINTE BENEFICIARIOS DO OBRADOIRO DE EMPREGO
Estes obradoiros permitirán que un total de 20 persoas desempregadas dos Concellos de Melide e Boimorto se formen nun oficio mentres realizan tarefas en beneficio de espazos e instalacións públicas. Os participantes recibirán un certificado de profesionalidade con validez en todo o Estado.
Os obradoiros centraranse na realización de obras ou prestación de servizos de interese xeral e social que posibiliten un traballo que, xunto coa formación profesional para o emprego, procure a súa cualificación profesional e favoreza a súa posterior inserción laboral. Esta formación impulsa tamén o emprendemento, xa que os beneficiarios recibirán formación específica que lles permitirá iniciar os seus propios proxectos.
A selección dos alumnos e alumnas realizarase a través das oficinas de emprego. Terán preferencia, en xeral, as persoas beneficiarias da Renda de Integración Social de Galicia (Risga); mulleres; vítimas da violencia de xénero; menores de 30 anos; traballadores que esgotaran as prestacións ou subsidios por desemprego; parados de longa duración; maiores de 45 anos; persoas sen titulación universitaria ou de FP de grao superior; e persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social.