Novas

Máis novas

O Polígono Industrial da Madanela oferta solo industrial bonificado ao 30 por cento

31/01/2017. A empresa pública Xestur ofrece 1,4 millóns de metros cadrados desde 12,5 euros o metro. Preto da metade do solo ofertado ten prezos por debaixo de 50 euros o metro cadrado, unha vez aplicada a bonificación.

A Xunta, a través da empresa pública Xestur, vén de convocar un novo concurso de solo empresarial a prezo bonificado que ofertará unha superficie total de 1.4 millóns de metros cadrados. Os interesados poderán presentar ofertas de adquisición deste solo ata o 18 de marzo.

Neste proceso de venda de solo bonificado, que a Consellería de Infraestruturas e Vivenda propón a comezos de cada ano, ofrecésense un total de 441 parcelas de solo empresarial cunha superficie total de 1.409.500,99 metros cadrados e bonificacións sobre o prezo de venda do 30 ou 50 por cento, segundo os parques empresariais:

O Goberno galego ofrece solo en compravenda a partir de 12,50 euros por m2. O 24% das parcelas incluídas no concurso teñen prezos por debaixo dos 35 euros o m2, unha vez aplicada a bonificación, e outro 23 por cento sitúase por debaixo dos 50 euros por m2.

Unha vez rematado o concurso de compravenda, as parcelas non adxudicadas poderanse vender directamente, nas mesmas condicións, prezo e bonificación que as fixadas para o concurso. Os adquirentes de solo empresarial bonificado quedan obrigados a construír as súas instalacións e obter a licenza de actividade no prazo máximo de tres anos dende a sinatura da escritura de compravenda. 

Dende que en 2015 puxo en marcha o programa de bonificacións de solo empresarial, a Xunta de Galicia leva adxudicados preto de 730 metros cadrados de solo empresarial, o que supera en preto do 20 por cento o vendido conxuntamente nos anos 2007 e 2008 en que se adxudicaron 607.000 metros cadrados en total. 

Actualmente, 24 das empresas que adquiriron solo bonificado xa teñen rematada a construción das súas instalacións nas parcelas adquiridas e outras 31 están en proceso de edificación. Un total de 170 empresas adquirentes de solo bonificado están realizando actuacións previas á súa implantación: redacción de proxectos, obtención de licencias de construción ou construción de instalacións, incluídas as que xa están operando nas parcelas mercadas. 

Ademais da adxudicación en compravenda, o IGVS e Xestur adxudican solo empresarial en dereito de superficie, polo que as empresas adxudicatarias pagan un canon anual moi reducido: 1,5% do prezo da parcela os dous primeiros anos, 2,5% o terceiro e cuarto ano e 3,5% a partir do quinto ano. Isto significa que en Galicia hai solo empresarial dispoñible dende 0,38 euros por metro cadrado e ano. 

Resulta evidente que cos prezos de venda e de dereito de superficie do solo empresarial que ofrece a Xunta o custe do mesmo non é motivo suficiente para a deslocalización de empresas galegas. En Melide ofertánse 5 parcelas que supoñen un total de 10.971 metros cadrados cun prezo de 42 €/metro cadrado.




Compartir:   Compartir Facebook Compartir Twitter Compartir Google+ Compartir Linkedin Compartir Whatsapp