- Novas
- Axenda
- Perfil de contratante
- Convocatorias
- Avisos e bandos
- Ordenanzas
- Melide en imaxes
- Facturación electrónica
- Pago provedores
Novas
O Concello de Melide bonifica os terreos do novo centro de saúde
18/09/2018. Esta mañá celebrouse un Pleno extraordinario para a aprobación do inicio dos trámites da bonificación do 95% dos terreos para a construción do novo centro de saúde. Trámite necesario para que o centro de saúde sexa unha realidade
MELIDE 18 de setembro de 2018.- O Concello de Melide celebrou esta mesma mañá un Pleno extraordinario para a aprobación do inicio dos trámites necesarios para proceder á bonificación do 95% do imposto sobre construcións de bens inmobles no referente ao novo centro de saúde.
Con este trámite, que foi aprobado por unanimidade de todos os partidos políticos no Pleno desta maña, o Servizo Galego de Saúde (SERGAS) cumprirá co Convenio asinado coa alcaldesa de Melide, Dalia García, no ano 2016. Neste, o Concello de Melide comprometíase a bonificar estes terreos, por entender que “se trata dunha construción de utilidade pública e interese xeral para todos os veciños”, explica a rexedora. Así as cousas, e tal e como explica García “dos 39.687,42 euros que debería sufragar o SERGAS neste concepto, o Pleno aprobaba esta exención, e terán que realizar tan só unha achega á facenda municipal de 2088,81 euros en concepto de ICIO e de 3.481,35 euros de taxa urbanística para a tramitación do expediente”.
“Coa celebración deste Pleno quedan finalizados os trámites anteriores á concesión de licencia, que previsiblemente segundo vimos de informar na sesión plenaria desta mañá se realizará o vindeiro venres en Xunta de Goberno Local”, conclúe Dalia García.
INFORME CONTA XERAL 2017
Por outra banda, no Pleno de hoxe tamén se informou da Conta Xeral correspondente ao exercicio 2017 que antes do vindeiro 15 de outubro terá que ser enviada ao Consello de Contas de Galicia. Esta Conta Xeral foi aprobada cos votos a favor do Partido Popular e a abstención do PSOE e BNG.
“Cumprimos así coa estabilidade orzamentaria legal para as adminstracións públicas, tendo unha débeda municipal moi por debaixo da permitida legalmente e que amosa unha saúde de ferro das contas locais”, apuntaba a rexedora e facía especial fincapé en que “ a pesar dos longos procesos administrativos para a contratación e execución das obras, agradezo os esforzos de Secretaría, Intervención e Contratación, xa que no que vai de ano e froito do traballo do 2017, neste momento hai en execución máis de once proxectos que supoñen a revisión de documentación previa para poder adxudicar esas obras. Polo tanto, dende o organismo local, o persoal está a facer un esforzo para poder axilizar estes procesos”.
A rexedora melidense, Dalia García, avanzaba no Pleno “agardo que todo o esforzo que se está facendo para que o Concello de Melide se mude de forma definitiva á administración electrónica o gañen os veciños e veciñas da vila en axilidade administrativa como así se está constatando no apartado de licencias municipais”.