Novas

Máis novas

As obras de mellora da estrada AC-840 rematarán a finais de ano

18/09/2018. A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, xunto coa alcaldesa de Melide, Dalia García, visitaron as obras de mellora da estrada AC-840, ao seu paso pola vila, que contan cun investimento de máis de 250.000 euros

MELIDE 18 de setembro de 2018.- A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, e a alcaldesa de Melide, Dalia García, supervisaron as obras de mellora e reposición de servizos na AC-840, que avanzan a bo ritmo polo que se adiantará a finalización a finais deste ano, tras o investimento de máis de 250.000 euros.

Vázquez Mourelle indicou que o obxectivo do proxecto é minimizar, tanto en importancia como en frecuencia, os episodios de inundacións que se producen nesta zona do centro urbano que atravesa a estrada, onde o terreo está moi baixo.

Tal ecomo explicaba, Dalia García, alcaldesa de Melide “a actuación terá lugar sobre os caudais que chegan á rede de pluviais desde distintas rúas, para reducir a cantidade de auga que alcanza finalmente esta zona urbana, minimizando así a problemática derivada da topografía do terreo e da configuración actual da rede”.

Atendendo á solicitude do Concello de Melide, tamén se procederá ao cegado dos pozos de rexistro de pluviais e residuais, para evitar o ruído que producen ao paso do tráfico.

A conselleira engadiu que “a este reforzo da seguridade viaria, tamén contribuirá a mellora do firme prevista para vindeiras semanas nesta estrada, e que cun investimento de 60.000 euros, beneficiará aos municipios de Melide e Boimorto”.

Lembrou que en xuño quedaron finalizados os traballos da travesía de Melide, na que se ampliaron beirarrúas, se fixeron melloras nos cruces e se reforzou a sinalización para facer máis visibles os pasos de peóns, incrementando así a seguridade de veciños e usuarios que transitan ou cruzan esta vía. Concretou que se está a valorar, ademais, estender esta actuación a outros pasos de peóns no vindeiro ano 2019.

Esta actuación enmárcase na estratexia para a eliminación dos treitos de concentración de accidentes da Xunta para ter eliminados os 52 treitos de concentración de accidentes existentes na rede viaria autonómica nesta lexislatura.

A responsable de Infraestruturas fixo fincapé en que o Goberno galego está a investir uns 360.000 euros para manter en boas condicións a rede viaria da Xunta ao seu paso por Melide, promovendo unha contorna urbana máis segura, que redundará en maior calidade de vida para os veciños.




Compartir:   Compartir Facebook Compartir Twitter Compartir Google+ Compartir Linkedin Compartir Whatsapp