- Novas
- Axenda
- Perfil de contratante
- Convocatorias
- Avisos e bandos
- Ordenanzas
- Melide en imaxes
- Facturación electrónica
- Pago provedores
Novas
Máis de 10.000 persoas visitaron a oficina de turismo en xullo e agosto
06/09/2018. A oficina de Turismo situada na parroquia de Furelos recibiu 10.259 visitantes durante os meses de xullo e de agosto, procedentes de diferentes lugares de España, Europa e do mundo. A oficina estará aberta ata finais de ano
MELIDE 6 setembro de 2018.- A oficina de turismo en Furelos, dependente do Concello de Melide, atendeu a un total de 10.259 persoas dende que abriu as súas portas o 12 de xullo ata o 31 de agosto.
Tal e como se reflicten nos datos do balance feito polas técnicas de Turismo, case tres cuartas partes das persoas que visitaron Melide, 7.358 (72%), proceden de diferentes lugares de España, destacando os que se achegan de Andalucía, seguidos por madrileños, cataláns e valencianos.
En canto ós estranxeiros que proceden de países europeos, 1.893 (18%), sobresaen os italianos seguidos a moita distancia por alemáns. Aqueles que veñen de outras partes do mundo, 1.008 (10%), achéganse de América, sobre todo estadounidenses, seguidos, a moita distancia, por visitantes dos países latinoamericanos. En Asia, Galicia ten éxito entre os coreanos do sur, taiwaneses e xaponeses, aínda que tamén se acerca algún chinés. O continente que menos visita Melide é sen lugar a dúbida África, aínda que este ano viñeron varios surafricanos.
En comparación ao mesmo período do ano anterior, vemos un crecemento notable do número de visitantes, cun incremento dun 43,56%. Pasouse de 7.146 no 2017 a 10.259 visitantes no 2018. O número de españois creceu un 55,26% con respecto o ano anterior, pasouse de 4.739 no 2017 a 7.358 no 2018. O número de europeos medrou un 17,07% con respecto o ano anterior, pasouse de 1.617 no 2017 a 1.893 no 2018.
O número de non europeos medrou un 27,59% con respecto o ano anterior, pasouse de 790 no 2017 a 1.008 no 2018.
MÁIS TURISMO NACIONAL
Como conclusión, do informe das técnicas de Turismo, pode apreciarse un cremento moi importante de turistas nacionais principalmente. En canto aos visitantes estranxeiros, tanto europeos como do resto do mundo, tamén se aumentaron as cifras pero moito máis moderadamente, sobre todo no caso dos europeos.