Novas

Máis novas

Medio milleiro de persoas participaron no Bus Turístico este verán

05/09/2018. O autobús turístico que os departamentos de Cultura e Turismo puxeron en marcha este verán contou con medio millar de pasaxeiros que quixeron coñecer en profundidade a contorna da Comarca de Melide e os concellos limítrofes

MELIDE 5 de setembro de 2018.- O Bús Turístico de Melide realizou o seu último percorrido o pasado 31 de agosto dando a coñecer aos visitantes de Melide e os propios veciños todos os segredos da arquitectura, cultura e patrimonio da nosa contorna.

Trátase dunha iniciativa que se puxo en marcha xa o ano pasado por parte dos departamentos de Cultura e de Turismo do Concello de Melide que serve cada verán para dar a coñecer o noso patrimonio tanto a veciño como visitantes. Con saída cada día dende o Cantón de San Roque ás 17h da tarde e cun percorrido de dúas horas, a viaxe realizada permitía coñecer a Ponte de Furelos, Castelo de Pambre, Monasterio de Sobrado dos Monxes, facendo última parada en Santa María de Melide. Cunha visita guiada na que unha técnica de Turismo resolvía todas as dúbidas dos participantes.

MEDIO MILLEIRO DE PASAXEIROS

Tal e como se desprende do balance realizado pola Oficina de Turismo do Concello de Melide, este ano participaron un total de 497 persoas: no mes de xullo foron no bus 129 usuarios, unha media de 7 persoas o día; e no mes de agosto puideron gozar desta actividade 368 persoas, quedando 22 persoas sen praza, a media neste mes foi de 12 persoas o día.

Durante as primeiras semanas, tal e como explican as técnicas de Turismo do Concello de Melide “eran sobre todo peregrinos os que se subían no autobús para visitar a vila e a súa contorna, mentres que, en agosto foron sobre todo turistas os que se animaron a facer esta actividade”. 




Compartir:   Compartir Facebook Compartir Twitter Compartir Google+ Compartir Linkedin Compartir Whatsapp