Novas

Máis novas

La Pegatina e David de María, cabeza de cartel do San Roque 2018

08/08/2018. As festas do San Roque que se presentaron por parte da Comisión de Festas e da alcaldesa de Melide, Dalia García, ofrecerán a veciños e visitantes máis dunha vintena de actuacións nun total de nove días de programación

MELIDE 8 de agosto de 2018.- O Concello de Melide e a Comisión de Festas do San Roque, presentaron na xornada de onte o programa das festas para a vindeira semana. Como é habitual, como antesala das festas celebrarase o 7º Mercado Medieval que terá lugar entre os días 13 e 15 de agosto e numerosas actuacións musicais, así como actividades de ocio para maiores e cativos.

Dalia García, alcaldesa de Melide explicaba que “do que se trata é de facer un programa variado, atractivo e diferente para todo tipo de público”, destacaba “ a labor altruista da Comisión de Festas do San Roque que un ano máis non deixa a ninguén indiferente, xa que a programación ten actividades para todos os gustos e todos os veciños e a xente que nos visita poderá gozar, un ano máis, das festas grandes da nosa vila”.

A Comisión de Festas do San Roque presentaba oficialmente o programa das festas e facía fincapé no traballo realizado para que todos os veciños e visitantes poidan gozar das festas un ano máis, atraendo a Melide a milleiros de visitantes durante eses días o que repercutirá na dinamización da economía ofrecendo a todos os visitantes unha programación variada durante nove días”.

 O Mercado Medieval chega este ano a súa edición número sétima e “xa pode decirse que está consolidado no calendario de agosto en Melide”, explicaba a alcaldesa da vila. Este mercado ambientará o casco histórico, con actividades para todas as idades así como tamén a instalación de diferentes postos onde se poderá degustar variada oferta gastronómica.

SAN ROQUE 2018

O 12 o de agosto comezarán as festas coa celebración do día do río, onde terá lugar como é habitual unha festa campestre na área recreativa do río Furelos con servizo de polvo e churrasco e coa animación musical da charanga Leña Verde e unha exhibición de zumba.

Do 13 ao 15, terá lugar o sétimo Mercado Medieval polas rúas do casco antigo. Será o 14 cando actúe o grupo La Pegatina. O mércores 15, celebrarase o día da bicicleta, unha actividade para toda a familia que xa ten data fixada no calendario das festas de Melide. Tamén o grupo local Froito Novo, poñerá a música na xornada matinal e pola noite, será a quenda da Orquestra de Cámara de Galicia cun concerto ás 22h na praza do Convento e a verbena correrá a cargo do Combo Dominicano.

O propio día de San Roque, o 16 de agosto, actuará a Banda de Música de O Rosal, a Coral Polifónica de Melide e as orquestras París de Noia e Bomba. O venres 17 de agosto, será a quenda para a Banda de Música de Agolada e as orquestras Palladium e Nevada.

O sábado 18 de agosto continúan as Festas do San Roque en Melide co pasarrúas a cargo da Banda Rock-Pop de Arzúa e a actuación de Herba Grileira. Pola noite, actuará no Cantón de San Roque, David de María.

O domingo gozaremos na vila coas actuacións de Leirabuxo e Catro Caños e a verbena correrá a cargo de Gran Parada. Como fin de festa, o luns 20 de agosto, celebrarase o día do neno con diferentes atraccións para os máis cativos con prezos especiais, xeados e zumos gratis ao carón do edificio Multiusos. A charanga Ardores será a encargada de realizar á tardiña un pasarrúas e o día e as festas rematarán coa actuación da orquestra Panorama.

As actuacións das orquestras e dos concertos de San Roque terán lugar no Cantón de San Roque con entrada libre e gratuita.

Toda a información pode consultarse nesta páxina web, no apartado de axenda.

 

 




Compartir:   Compartir Facebook Compartir Twitter Compartir Google+ Compartir Linkedin Compartir Whatsapp