Novas

Máis novas

As comparsas "AMPAz & Amor" e "Monstruos" conquistan o Concurso de Disfraces do Concello de Melide

01/03/2017. A alcaldesa, Dalia García, e as concelleiras Mª Jesús López e Dolores Gómez entregaron os premios. As comparsas "AMPAz & Amor" e "Monstruos" conquistan o Concurso de Disfraces do Concello de Melide.

O Concello de Melide pechou onte á tardiña a súa programación especial do Entroido co seu tradicional Concurso de Disfraces, que repartíu case 3.000 euros en premios. As comparsas AMPAz & Amor e Monstruos foron as grandes vencedoras deste certame, que foi presidido pola alcaldesa melidá, Dalia García Couso, e polas concelleiras de Benestar Social, Mª Jesús López Mourón, e de Cultura e Deportes, Dolores Gómez Neira. 

O certame dividíuse en tres categorías: Individuais e parellas, grupos –de 3 a 8 persoas- e comparsas –máis de 8 persoas-. En cada unha destas sección outorgáronse dous premios. O xurado, composto por cinco membros relacionados con mundo da cultura, o medio rural, a artesanía e o xornalismo, valorou moi positivamente a orixinalidade o traballo feito a man nos disfraces de todos os participantes, así coma a súa posta en escea ante os centos de veciños e visitantes que non se quixeron perder o Concurso de Disfraces do Concello de Melide. 

Na categoría de comparsas, onde a decisión do xurado se fixo do máis complicada, finalmente gañaron os membros da AMPA do Colexio Nº 3 de Melide. A súa proposta AMPAz & Amor, conquistou pola súa posta en escea. Representando a unha grande caravana hippie, grandes e pequenos ofreceron un amplo repertorio de grandes éxitos da época protagonizados por uns vistosos Bonnie M e ABBA, que interpretaron temas coma Daddy Cool ou Chiquitita. Todo isto complementado por todo tipo de atrezzos coma a furgoneta hippie, os postos de abalorios e prendas e a caracterización de maiores e cativos. A alcaldesa de Melide, Dalia García Couso, foi a encargada de entregar o premio, valorado en 1.000 euros a esta multitudinaria comparsa, que contaba con arredor de 120 membros. 

Por unha diferencia mínima na puntuación, a comparsa Monstruos, da Asociación Charamela e cunha vintena de membros, quedou en segundo lugar, levándose 700 €. Neste caso, os puntos fortes foron a súa orixinalidade e o traballo artesanal dos seus traxes. Para a posta en escea fíxose unha mestura entre o baile do Thriller de Michael Jackson, e a memorable actuación da banda heavy metal finlandesa Lordi, que gañara o Festival de Eurovisión no ano 2011. 

Na sección de grupos, voltou gañar o traballo feito a man que se puido ver nas Máscaras venecianas. Composta por 5 membros, amosaba uns vistosos personaxes de preto de máis de dous metros de altura que trasladaban aos asistentes ao tradicional Entroido de Venecia. A concelleira de Cultura e Deportes, Dolores Gómez Neira, encargouse de entregar o galardón, valorado en 400 euros. 

No segundo posto, quedaron os 8 membros do grupo Pingüino Balduino, que representaban a vida nun iglú do Polo Norte. Neste caso, o premio que levaron ascende a 300 euros. 

Finalmente, na categoría de Individual e Parellas, os grandes vencedores foron Sobrero y Reina Roja, que representaban os personaxes da última película de Tim Burton, Alicia a través del Espejo. Excelentemente caracterizados, a súa posta en escena recreaba unha das pasaxes deste filme. A concelleira de Benestar, Mª Jesús López Mourón, entregoulles o premio, valorado en 150 euros. 

No segundo posto quedou a parella de Otori e Fortuna que recrearon o mundo das lendas a través dos seus traxes. A posta en escea combinou unha loita a morte, para, a continuación, dar un xiro radical a actuación e finalizar bailando unha bachata. O segundo premio desta categoría valorouse en 100 euros. 

Dende o Concello de Melide, a alcaldesa amosouse moi satisfeita “pola grande asistencia que houbo a este Concurso de Disfraces, que puxo o broche de ouro a unha ampla programación de Entroido na que ofrecemos actividades especiais para grandes e cativos”. Un programa especial que comezou o pasado venres 24 cun concerto veneciano e continuou cunha Master Class de Zumba o pasado sábado, para continuar o pasado domingo cunha amena Festa Infantil de Entroido. 




Compartir:   Compartir Facebook Compartir Twitter Compartir Google+ Compartir Linkedin Compartir Whatsapp