- Novas
- Axenda
- Perfil de contratante
- Convocatorias
- Avisos e bandos
- Ordenanzas
- Melide en imaxes
- Facturación electrónica
- Pago provedores
Novas
A directora xeral de Xuventude visita o campamento de Furelos
26/07/2018. A directora xeral de Xuventude e Voluntariado da Xunta visitou o campamento xuvenil de Furelos, acompañada da alcaldesa da vila, Dalia García e da concelleira de Xuventude, Yolanda Pérez e outros membros do goberno local
MELIDE 26 de xullo de 2018.- A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Xunta de Galicia, Cecilia Vázquez Suárez, estivo a mañá do martes coas persoas participantes no campamento ‘Natureza no camiño’ que se desenvolve no campamento xuvenil Furelos de Melide. Nesta actividade, que se enmarca na Campaña de Verán 2018, danse cita 60 mozos e mozas.
Durante a súa visita, Cecilia Vázquez, acompañada da alcaldesa de Melide, Dalia García, a concelleira de Xuventude melidense, Yolanda Pérez e membros do equipo de goberno local, puideron comprobar de primeira man o amplo abano de actividades que están a realizar as persoas que participan nesta acción de verán: bicicleta de montaña, orientación, sendeirismo, stop motion, agrohorta, agrogranxa, lip dub, tiro con arco, quidditch, biomergullo fluvial, longboard e xeocaptura. Esta é a segunda quenda das catro programadas neste campamento, cada unha delas de 12 días de duración, e que acollerán ao longo dos meses de xullo e agosto a un total de 240 participantes.
A directora xeral salientou que, de novo, a Campaña de Verán da Xunta “volve ser un referente en España, ofrecendo á xente nova non só de Galicia senón tamén doutras rexións e mesmo do estranxeiro unha atractiva programación que converte a nosa comunidade nun destino preferente nos meses de xuño, xullo, agosto e setembro”. Nesta liña, engadiu que a oferta de verán que propón a Xunta ten como finalidade que “a mocidade desfrute participando en actividades de ocio e tamén formativas na procura de que o verán sexa un tempo para divertirse e tamén para o enriquecemento persoal”.
Os campamentos de verán forman parte da Campaña de Verán ‘Vive a túa aventura”, na que se ofertan un total de 9870 prazas, 298 máis que na anterior edición. A Xunta inviste 3,2 millóns de euros –un 8% máis respecto ao orzamento de 2017- neste programa que segue a ser un referente a nivel de todo o Estado, ademais dun recurso de conciliación estival e de ocio educativo de primeiro nivel.