Novas

Máis novas

A repostaría tradicional de Melide conquista os padales máis doces do Fórum Gastronómico de A Coruña

13/03/2017. O stand do Concello de Melide está rexentado pola Asociación “Melide Terra Doce” que engloba a todos os obradores tradicionais do municipio. As conselleiras do Medio Rural e do Mar visitaron esta mañá o expositor melidense.

A Festa de Melindre está promocionando o seu produto estrela no stand 155 do Fórum Gastronómico de A Coruña, unha acción promocional de cára a XXVI edición da festa máis doce de Galicia. “Supón estar presente nun dos foros galegos máis importantes no eido da gastronomía, dar a coñecer os nosos doces e abrir novos mercados así como crear sinerxias”, apostilla a alcaldesa de Melide, Dalia García. 

O expositor está rexentado pola Asociación de Repostaría de 'Melide Terra Doce', que engloba a todos os obradores tradicionais do municipio melidense. Melindres, ricos e amendoados son os grandes protagonistas do stand 155, que esta mañá visitaron as autoridades no seu percorrido polo recinto feiral. As conselleiras do Medio Rural, Ánxeles Vázquez, e do Mar, Rosa Quintana, así coma a directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, fixeron unha parada no expositor melidense para degustar os seus postres tradicionais maridados cos Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia. A enóloga e Embaixadora da Festa do Melindre Sonia Otero foi a encargada de comentar as bondades dos destilados galegos de calidade e a adecuada combinación coa repostaría tradicional de Melide. 

O Fórum Gastronómico de A Coruña ten actividades programadas ata mañá pola tarde, intre da súa clausura. Mañá ás 13.00 horas, Melide será protagonista da actividade do espazo Ágora 'Que Rico!: Outras sobremesas redondas con masa de Rico', a cargo da chef galega pertencente ao Grupo Nove, cunha estrela michelín, Beatriz Sotelo xunto con Susi Estevez, onde presentarán unha sobremesa xeada con crumble a base de masa de rico de Melide. 

Rematará a actividade ás 17.00 horas cunha demostración a cargo do tamén embaixador do Melindre, Miguel Vila, acompañados de Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia elaborados pola empresa Viña Blanca del Salnés, de Sonia Otero. Con este tipo de actuacións, organizadas dende a Concellería de Promoción Económica, ao cargo da cal está Luis Arias, o que se pretende é darlle unha proxección maior aos doces de Melide, ir un paso alén da clásica sobremesa e experimentar outros derroteiros con apostas máis atrevidas.
 




Compartir:   Compartir Facebook Compartir Twitter Compartir Google+ Compartir Linkedin Compartir Whatsapp