Novas

Máis novas

Alcaldesa e concelleira de Igualdade visitan os campamentos urbanos de Melide

06/07/2018. Os campamentos urbanos do Concello de Melide superan este ano todos os récords con máis de cen nenos cada semana de diferentes idades que acoden cada día ao CEIP Número 1 de Melide para participar nas diferentes actividades

MELIDE 6 de xullo de 2018.- A alcaldesa de Melide, Dalia García, e a concelleira de Igualdade e Benestar do Concello, María Jesús López Mourón, visitaron durante a mañá de hoxe os campamentos urbanos da vila no que participan máis de cen nenos e nenas cada semana.  A rexedora e a concelleira compartiron un anaco da súa xornada matinal cos máis cativos na área recreativa do Río Furelos, a onde se achegou o grupo durante esta mañá para realizar diferentes actividades ao aire libre.

Tal e como explican dende o Concello de Melide “este verán 2018, superáronse todos os récords xa que o número de nenos e nenas inscritos é o máis elevado desde que temos rexistro, existen semanas con máis de 130 nenos anotados”.

Este ano, ofrécense dúas alternativas. Por unha banda, a que se denomina “Verán de aventuras” para nenos e nenas con idades comprendidas entre os 3 e 15 anos onde se traballará especialmente a creatividade dos cativos.  Pola outra, un campus deportivo para nenos e nenas con idades comprendidas entre os 8 e 15 anos. Será unha actividade dirixida á practica da maior variedade posible de xogos e modalidades deportivas aproveitando as vacacións estivais dos adolescentes. Co desenvolvemento desta alternativa deportiva búscase evitar o sedentarismo e fomentar os valores asociados ao deporte como a convivencia, a tolerancia, a vida saudable, etc.. facendo uso das infraestruturas deportivas e contorno natural de Melide.

FACILITAR A CONCILIACIÓN LABORAL E FAMILIAR

Trátase dunha alternativa que se ofrecen dende o departamento de Igualdade e Benestar do Concello para facilitar a conciliación laboral e familiar durante os meses de verán, cando é habitual que os pais e as nais teñan que seguir coa súa rutina laboral, mentres os rapaces e rapazas gozan das súas vacacións de verán.

O horario dos campamentos son de 8.45h e ata as 14.15h.  de luns a venres, a excepción do próximo venres 29 de xuño, día de San Pedro e o luns 16 de xullo, día do Carme, festivos locais en Melide.

A actividade levase a cabo no pavillón polideportivo do CEIP Número 1 de Melide. As persoas interesadas en realizar a inscrición poden achegarse ao Concello de Melide para realizar o trámite.




Compartir:   Compartir Facebook Compartir Twitter Compartir Google+ Compartir Linkedin Compartir Whatsapp