- Novas
- Axenda
- Perfil de contratante
- Convocatorias
- Avisos e bandos
- Ordenanzas
- Melide en imaxes
- Facturación electrónica
- Pago provedores
Novas
María Luisa García e Antonio Ferro, elixidos Miss e Míster Galicia da 3ª Idade
02/07/2018. María Luisa García e Antonio Ferro, foron as persoas elixidas na tarde de onte na casa da cultura como Miss e Míster Galicia da Terceira Idade no certame que cada primeiro domingo de xullo se celebra na vila e que cumpriu 25 anos
MELIDE 2 de xullo de 2018.- Melide volveu a coroar no día de onte a Miss e Míster Galicia da Terceira Idade. María Luisa García e Antonio Ferro, de 79 e 81 anos foron elixidos no día de onte sobre o escenario da Casa da Cultura como Miss e Míster Galicia da Terceira Idade.
Un total de 35 mulleres e 11 homes desfilaron sobre a pasarela para ser elixidos coas diferentes bandas que como cada ano se entregaron aos máis maiores que chegaban a Melide de diferentes centros sociais de Galicia.
Miss Galicia da Terceira Idade queda na Coruña un ano máis, xa que a Miss Galicia da Terceira Idade do ano 2017, Isabel Muíño coronou este ano a María Luis García Méndez, do barrio dos Mallos de 79 anos. O título de Míster Galicia da Terceira Idade foise para A Estrada con Antonio Ferro de 81 anos.
Benito Asorey, de 90 anos foi elixido Míster Elegante e Alfonso Pérez de 87 anos foi elixido Míster Simpático. José Varela, de 97 anos de Castrillón, foi elixido Míster Guapo e Míster Marchoso foi para Gerardo Rodrígo de Melide.
No apartado feminino, os galardóns foron para Miss Beleza que recaeu en María Reboredo de Lalín, Miss Elegancia para Marisa Marquez de A Coruña con 72 anos, Miss Fotoxenia para Felisa Silva de 78 anos de A Estrada, Miss Simpatín para Manuel Muíño de 70 anos da Coruña e Miss Marchosa para Elvira Otero de 65 anos de Ribadumia. En Melide quedaron as bandas de Miss Verán para Ana Alcalde, de 70 anos e o propio recoñecemento local de Miss Melide para Concepción Quintás de 84 anos tamén veciña da vila.
Ademais a Tuna de Veteranos da Coruña foi a encargada de poñer a música en Melide para o 25 aniversario deste certame. Tamén se contou coa presencia de Lucía Pérez, cantante galega que representou a España en Eurovisión e que en Melide presentou o seu último traballo Quince Soles e presentou o certame xunto con Isabel Ramos, locutora local.
Tamén como é habitual durante a xornada do Certame de Miss e Míster Galicia da Terceira Idade en Melide celebrouse un ano máis o concurso de pasodobres. O primeiro premio foi para Marina Abal de Ribadumia e José Antonio Méndez de Curtis. O segundo posto recaeu en Manoli Vizcaíno e Anuncia Vales de Melide e o terceiro para Ana López e Valeriano Iglesias.
A maiores, en Melide estiveron presentes os campións infantís nacionais de baile caribeño, Adrián e Andrea de 8 e 9 anos, e a parella de campións galegos de bachata Xurxo e Reyes, exhibiron o seu bo facer enriba do escenario.
Este ano como novidade o Certame de Miss e Míster Galicia celebrouse na Casa da Cultura debido as inclemencias meteorolóxicas, unha casa da cultura totalmente ateigada de maiores chegados dende diferentes partes de Galicia así como tamén moitos veciños e veciñas de Melide que se desprazaron ata a instalación local para coñecer de primeira man os gañadores das vodas de prata do Certame melidense.