Novas

Máis novas

Casa Juanito recolle a Medalla de Ouro no día do San Pedro

02/07/2018. Casa Juanito recolleu o pasado venres a Medalla de Ouro do Concello, o día no que a vila celebraba a festa do seu patrón, o San Pedro. Familiares e amigos de Juan José Rodríguez, acompañaron ao homenaxeado no salón de Plenos

MELIDE 2 de xullo de 2018.- O salón de Plenos da Casa do Concello acolleu o pasado venres a entrega da Medalla de Ouro 2018 que este ano foi para Casa Juanito de Melide, o comercio máis lonxevo da vila.

Trátase do máximo recoñecemento institucional que o Concello de Melide entrega cada ano a un veciño ou veciña ou negocio durante o día do patrón da vila durante o día de San Pedro.

O actual equipo do goberno de Melide aprobou recoñecer coa máxima distinción da vila, a Medalla de Ouro 2018, a Casa Juanito. Trátase dun establecemento local que está en activo dende o ano 1910 e que fundou Juan Rodríguez Uriñe. Nestes momentos, o ultramarinos melidense ten como propietario a Juan José Rodríguez, a terceira xeración que rexenta este negocio en Melide, coñecido non só na vila senón tamén en toda a súa zona de influencia.  Son só, algúns dos motivos, polos que onte o equipo de goberno de Melide, aprobou esta proposta.

A alcaldesa de Melide, Dalia García, facía especial fincapé no merecedor recoñecemento a esta casa xa que “trátase dunha mostra do comercio local, centenario en Melide  e exemplo de cercanía e conservación dunha empresa familiar a través das xeracións e cun produto de máxima calidade e referente no comercio melidense”. “É o comercio máis lonxevo de Melide que continua a día de hoxe activo, dá a benvida aos peregrinos do Camiño Primitivo, coa súa situación na AC-840 na entrada ao casco antigo de Melide”.

Casa Juanito recolleu a Medalla de Ouro de Melide na man do seu actual rexedor Juan José Rodríguez, acompañado dos seus fillos e netos así como tamén de empregados que quixeron compartir este momento histórico para o seu negocio.




Compartir:   Compartir Facebook Compartir Twitter Compartir Google+ Compartir Linkedin Compartir Whatsapp