Novas

Máis novas

Alumnas das Escolas Deportivas de Melide de ballet destacan na primeira fase do Concurso de Anaprode

13/03/2017. Laura Sánchez gañou unha Medalla de Ouro na sección de jazz e poderá participar na final deste campionato nacional que terá lugar en Tarragona. O equipo melidense obtivo seis pratas e tres bronces nas seccións de clásico e jazz.

As alumnas das Escolas Deportivas de Ballet do Concello de Melide participaron a pasada fin de semana na primeira fase do Concurso nacional de Anaprode, que tivo lugar en Avilés, con excelentes resultados. Unha medalla de ouro, cinco pratas e tres bronces nas categorías de clásico e jazz conforman o palmarés acadado polas deportistas melidenses. O certame contou coa participación de máis de medio milleiro de deportistas procedentes da zona norte de España (que englobaba as provincias de A Coruña, Álava, Burgos, Gijón, Guipúscoa, Langreo, León, Lugo, Ourense, Oviedo, Palencia, Pontevedra, Santander, Valladolid e Zamora). 

Especialmente destacado foi o papel de Laura Sánchez, de 16 anos, que quedou clasificada para o campionato nacional de Anaprode, que se celebrará en Tarragona, tras acadar unha Medalla de Ouro pola súa actuación na categoría 3 da sección de jazz en modalidade individual. A profesora encargada do grupo 'Scene Ballet' de Melide, Adriana Míguez, amosouse "moi satisfeita polos excelentes resultados acadados neste certame". 

Por categorías, na sección de Clásico preparatoria, Iria Prado, de 11 anos, levou unha Medalla de Prata, mentras que Airana Mato e Antía Varela (de 8) e Lorena Rodríguez (9 anos) levaron cadansúa Medalla de Bronce. Na categoría de jazz e na sección de dúo levaron Medallas de Prata Atenea Martínez e Marta Mosquera (de 13 e 14 anos) e Mariña Ferreiro e Laura Sánchez (ambos de 16). 

Na sección indivual de jazz, Azucena Iglesias (18 anos) obtivo unha medalla de prata na categoría 4 de individual jazz. A outra prata levouna Marta Mosquera na categoría 2 cunha proposta de estilo fusión. Toda unha mostra da valía das alumnas das Escolas Deportivas do Concello de Melide, dependentes da Concellaría de Cultura e Deportes, que dirixe Dolores Gómez.




Compartir:   Compartir Facebook Compartir Twitter Compartir Google+ Compartir Linkedin Compartir Whatsapp