Novas

Máis novas

O conservatorio de Melide pecha o curso coa presentación dunha peza audiovisual

26/06/2018. O alumnado do conservatorio municipal pechará o curso mañá mércores cun evento que terá lugar na casa da cultura da vila onde, a maiores de amosar o aprendido durante o curso, tamén presentarán unha peza audiovisual sobre a vila

MELIDE 26 de xuño de 2018.- O conservatorio de Melide pechará mañá mércores o seu curso 2017/2018 no que como é habitual ofrecerán un concerto na casa da cultura con entrada libre e gratuita a partir das 20h da tarde.

Ao longo desta clausura, enriba do esceario poderán verse a todos os rapaces e rapazas que durante este curso aprenderon música no conservatorio melidense nas súas diferentes disciplinas: orquestra, banda, coro, percusión, etc…

Este ano como novidade, os alumnos e alumnas do conservatorio realizaron unha peza audiovisual ao longo do curso titulada “O Castelo de Melide”, que se proxectará en primicia na casa da cultura para todos os asistentes. Esta pequena obra audiovisual, de sete minutos aproximadamente, amosa as vistas dende o Castelo da vila así como tamén aparecen outras xoias arquitectónicas de Melide como é a ponte de Furelos. Gravadas cun dron as imaxes acompáñase da banda sonora que os propios rapaces e rapazas do conservatorio crean durante a pequena curta. Durante a súa presentación mañá, a música da peza será tocada en directo polo propio alumnado melidense.

Esta peza audiovisual foi elaborada na asignatura de Novas Tecnoloxías que se imparte no conservatorio melidense e que pretende estimular a creatividade dos máis pequenos para crear proxectos que conxuguen música e imaxes.  




Compartir:   Compartir Facebook Compartir Twitter Compartir Google+ Compartir Linkedin Compartir Whatsapp