Novas

Máis novas

Melide incrementa nun 29% o número de horas no Servizo de Atención ao Fogar

06/06/2018. A alcaldesa, Dalia García, reuniuse con José Manuel Rey, conselleiro de Política Social para analizar a situación do Concello melidense no referente aos recursos e programas en materia Social, nos que colabora a Xunta de Galicia

MELIDE 6 de xuño de 2018.- A alcaldesa de Melide, Dalia García, acudiu na xornada de onte a Santiago de Compostela a unha reunión de traballo co conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela co que abordou a situación no Concello de Melide en canto aos recursos e programas de índoles social que dependen ou nos que participa a Xunta de Galicia.

Esta xuntanza enmárcase no diálogo permanente que o titular da carteira autonómica de Política Social está a manter cos rexedores e rexedoras coa finalidade de profundar nas liñas de colaboración entre administracións.

Así, a través do Servizo de Atención no Fogar (SAF), Xunta o concello melidense prestan servizo a veciños e veciñas que teñen a súa dependencia recoñecida. O titular autonómico de Política Social lembrou que desde o 2015, incrementouse en máis dun 29% o número de horas de servizo habilitadas para esta localidade, ata acadar na actualidade as 32.328 horas anuais dispoñibles. Un reforzamento do SAF que fai posible prestar atención en Melide ao 93% das persoas demandantes do mesmo.

Por outra banda e dentro do ámbito da atención ás persoas maiores, o conselleiro salientou coa alcaldesa as obras de mellora que se realizaron na residencia e que permitiron ampliar desde finais de 2016 o número de prazas neste equipamento. O investimento nestes traballos ascendeu a aproximadamente 150.000 euros. E, ao fío, o responsable autonómico das políticas sociais avanzou que Xunta e Concello de Melide traballan xa nun novo incremento de prazas para este recurso residencial.

Finalmente, a rexedora e o conselleiro acordaron que continuarán estudando posibles novas vías de colaboración entre as dúas administracións, co fin de mellorar os servizos e equipamentos de atención aos cidadáns en Melide, e conseguir así unhas mellores e máis eficaces políticas sociais.




Compartir:   Compartir Facebook Compartir Twitter Compartir Google+ Compartir Linkedin Compartir Whatsapp