Novas

Máis novas

Solidariedade e deporte únense na VI Media Maratón “Os 21 do Camiño”

05/06/2018. Dalia García e Pablo Taboada, alcaldesa de Melide e alcalde de Palas de Rei, presentaron xunto cos membros da Asociación Deportiva Cerne a sexta edición da Media Maratón “Os 21 do Camiño” na mañá de hoxe no salón de Plenos do Concello

MELIDE 5 de xuño de 2018.- A VI edición da Media Maratón “Os 21 do Camiño” celebrarase o vindeiro sábado 16 de xuño. Será unha xornada na que a ademais de desputarse a proba deportiva tamén se realizará unha recollida de tapóns de plástico que irán a parar á Asociación Tapones Solidarios.

A compoñente solidario é a principal novidade da Media Maratón que une Palas de Rei e Melide polo Camiño de Francés e que esta mesma mañá se presentaba no Concello de Melide. Á presentación do evento acudiu a alcaldesa de Melide, Dalia García, o alcalde de Palas de Rei, Pablo Taboada e dous membros da Asociación Deportiva Cerne, Ángel García e José Filgueira.

A alcaldesa de Melide, Dalia García, dáballe a noraboa á Asociación Deportiva Cerne, xa que “un ano máis o que comezou como un proxecto de amigos volve a esgotar as prazas para participantes un mes antes da carreira. Unha situación que demostra que o traballo está ben feito”. Ao mesmo tempo engadía que “ poñedes en valor un aspecto fundamental para a nosa vila como é o Camiño de Santiago”.

CARREIRA CON 750 INSCRITOS

A Media Maratón “OS 21 do Camiño” conta este ano con 750 inscritos entre os que se atopan coñecidos do mundo do running como Lolo Penas, Elías Domínguez, Akka Essaadaoui, Nuno Costa ou María Jesús Gestido, entre outros.

Este ano como novidade, a Media Maratón aumentou a súa participación en 50 persoas, “e aínda así quedaron persoas fóra que querían correr esta proba”, explicaban dende a Asociación Cerne. Ao mesmo tempo, aclaraban que “ a proba para cubrir todas as demandas estaría ben que tivese sobre 1000 dorsais, pero cremos que con esa cantidade de corredores masificaríamos o Camiño de Santiago, non sería cómodo para os peregrinos nin tampouco para os corredores”.

Os participantes achegaranse a Melide de diversos lugares de Galicia e fóra dela como poden ser por exemplo: País Vasco, Asturias, Madrid ou Portugal.

O percorrido será o mesmo que anos anteriores, partirase da praza do Concello de Palas de Rei e chegarase ao Cantón de San Roque de Melide, trascurrindo a maior parte do treito polo Camiño de Santiago que une as dúas localidades.

Máis de cen voluntarios coordinaranse coa organización para que a carreira se complete de maneira satisfactoria para todos os corredores.

MEDIA MARATÓN CON PREMIO

A Media Maratón “Os 21 do Camiño” foi premiada neste 2018 por terceiro ano consecutivo co galardón de Mellor Media Maratón de España. O marco incomparable dunha carreira polo Camiño Francés unido á boa organización da proba fixeron que a Media Maratón que une Palas e Melide obtivese este recoñecemento.




Compartir:   Compartir Facebook Compartir Twitter Compartir Google+ Compartir Linkedin Compartir Whatsapp