Novas

Máis novas

Melide ofrece campamentos de verán para a conciliación laboral e familiar

04/06/2018. Dende hoxe e ata o luns 18 de xuño está aberto o prazo para poder realizar a inscrición para participar nos campamentos urbanos do Concello de Melide. Unha iniciativa que se pon en marcha dende a Concellería de Igualdade e Benestar

MELIDE 4 de xuño de 2018.- A concellería de Igualdade e Benestar do Concello de Melide, que dirixe María Jesús López, pon en marcha este verán como cada ano o Campamento Urbano para facilitar a conciliación laboral e familiar durante os meses de verán nos que os rapaces e rapazas gozan das súas vacacións estivais e os seus pais teñen que seguir coa súa rutina laboral.

Así, durante a xornada deste luns, ábrese o prazo de inscrición para poder participar no campamento urbano do Concello de Melide. Haberá dúas alternativas diferentes, por unha banda, a que se denomina “Verán de aventuras” para nenos e nenas con idades comprendidas entre os 3 e 15 anos onde se traballará especialmente a creatividade dos cativos.  Pola outra, haberá un campus deportivo para nenos e nenas con idades comprendidas entre os 8 e 15 anos. Será unha actividade dirixida á practica da maior variedade posible de xogos e modalidades deportivas aproveitando as vacacións estivais dos adolescentes. Co desenvolvemento desta alternativa deportiva búscase evitar o sedentarismo e fomentar os valores asociados ao deporte como a convivencia, a tolerancia, a vida saudable, etc.. facendo uso das infraestruturas deportivas e contorno natural de Melide.

Os campamentos do Concello de Melide comezarán o luns 25 de xuño e rematarán o 10 de agosto, ámbolos dous días incluidos en horario de mañá dende ás 8.45h e ata as 14.15h.  de luns a venres, a excepción do 29 de xuño, día de San Pedro e o 16 de xullo, día do Carme, festivos locais en Melide.

A actividade levarase a cabo no pavillón polideportivo do CEIP Número 1 de Melide. As persoas interesadas en realizar a inscrición poden achegarse ao Concello de Melide para realizar o trámite.




Compartir:   Compartir Facebook Compartir Twitter Compartir Google+ Compartir Linkedin Compartir Whatsapp