- Novas
- Axenda
- Perfil de contratante
- Convocatorias
- Avisos e bandos
- Ordenanzas
- Melide en imaxes
- Facturación electrónica
- Pago provedores
Novas
Melide súmase á campaña Quere o teu mercado
25/05/2018. O mercado do próximo domingo será especial. Coincidindo co último domingo do mes, coa feira grande, tamén acollerá a campaña Quere o teu mercado, que pretende poñer en valor a profesionalidade e o bo produto dos praceiros locais
MELIDE 25 de maio de 2018.- A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez Abeal, visitará Melide o próximo domingo, xa que o comercio dominical da nosa vila, é un dos 86 de toda Galicia que este ano participan na campaña internacional Quere o teu mercado que promove a Consellería de Economía, Emprego e Industria, en colaboración coa Federación Galega de Comercio.
Dalia García, a alcaldesa de Melide, explicou que esta iniciativa o que pretende “é incentivar o consumo de produtos frescos e resaltar os valores da compra local e a profesionalidade e bo facer dos praceiros e praceiras leva a cabo”.
Deste xeito, baixo o lema Preto do teu corazón, unha serie de animacións de rúa e con agasallos para maiores e cativos, intentarán atraer clientes e transmitir todos os beneficios que ten consumir nos mercados de proximidade. O domingo en Melide repartiranse mandilóns, bolsas para as compras etc..nos diferentes postos instalados na praza do Convento, praza das Coles e rúas anexas nas que se instala o mercado cada domingo.
Pola súa banda, Sol Vázquez Abeal, a directora Xeral de Comercio que visitará Melide o próximo domingo, explicaba na presentación da campaña que do que se trata “é de unir a nivel internacional aos mercados locais de diferentes formas e tamaños nun fin común: aumentar a súa visibilidade, a presenza de consumidores e o consumo no comercio de proximidade, ao tempo que se fortalecen os lazos de unión e a fidelización cos usuarios”.
Quere o teu mercado (Love Your Local Market), con orixe no Reino Unido, está promovido a nivel internacional pola World Union of Wholesale Markets, e este ano únense Portugal e Brasil aos mercados de España, Reino Unido, Francia, Alemaña, Holanda, Polonia, Italia, Irlanda, Bélxica, Grecia, Dinamarca, Suecia, Hungría, Serbia, China, Arxentina e Estados Unidos.