- Novas
- Axenda
- Perfil de contratante
- Convocatorias
- Avisos e bandos
- Ordenanzas
- Melide en imaxes
- Facturación electrónica
- Pago provedores
Novas
Preséntase en Melide un estudo sobre o impacto do Camiño de Santiago na vila
21/05/2018. Mañá martes 22 de maio, preséntase en Melide un estudo sobre o impacto socioeconómico que ten o Camiño de Santiago na nosa vila. Será ás 19h da tarde na sala de conferencias do Edificio Multiusos melidense
MELIDE 21 de maio de 2018.- A alcaldesa de Melide, Dalia García, xunto coa directora xeral de Turismo da Xunta de Galicia, Nava Castro e persoal técnico da Universidade de Santiago de Compostela presentarán mañá en Melide ás 19h os resultados dunha enquisa que se levou a cabo no Concello nos últimos meses con respecto ao impacto social e económico que ten a Ruta Xacobea na nosa vila. Melide e o Cebreiro, foron as dúas vilas protagonistas, onde se centraron principalmente as entrevistas deste estudo.
Trátase dun acto aberto a todos os veciños e veciñas que queiran coñecer máis sobre os datos deste estudo así como en especial a todas aquelas persoas que teñan negocios instalados ou vinculados co Camiño de Santiago.
Os resultados deste traballo que mañá se presentan en Melide, constatan que a capacidade de acollida real é moi superior ao número de peregrinos que fan a ruta xacobea actualmente. Descártase así unha posible saturación, malia que existen elevadas densidades de ocupación puntuais concentradas en etapas concretas e en días do verán.
O estudo foi realizado pola Universidade de Santiago de Compostela (USC) por iniciativa da Xunta de Galicia co obxectivo de coñecer a realidade da peregrinación para facilitar a toma de decisións tanto das administracións públicas como das entidades privadas e contribuír á xeración de coñecemento que poida ser empregado polos investigadores e divulgadores.