- Novas
- Axenda
- Perfil de contratante
- Convocatorias
- Avisos e bandos
- Ordenanzas
- Melide en imaxes
- Facturación electrónica
- Pago provedores
Novas
O I Festival de Bailes Latinos Camiño de Santiago celebrarase en xullo en Melide
07/05/2018. Presentouse en Melide o I Festival e Concurso de Bailes Latinos Camiño de Santiago que se celebrará na vila a última fin de semana do mes de xullo e que traerá ao cerne de Galicia bailaríns profesionais e shows internacionais
MELIDE 7 de maio de 2018.- Preto dun centenar de bailaríns están xa confirmados para participar no que será o I Festival e Concurso de Bailes Latinos Camiño de Santiago que se celebrará en Melide a última fin de semana do mes de xullo, coincidindo co sábado 28 e o domingo 29. Aínda que o prazo está aberto para poder gozar desta experiencia pioneira en Melide, a organización xa ten confirmadas preto dun centenar de persoas para achegarse a Melide durante a primeira edición deste evento de danza.
Artistas da talla da parexa formada por Alex&Ornella esta última campiona do mundo na súa modalidade de salsa, estarán en Melide acompañados doutros artistas de renome Xurxo e Reyes de Vigo, Diogo e Ana de Braga, Jaime Silva de Ourense, Lionel e Debby de Ponferrada, o Caito e Sara Kizomba Danza de A Coruña.
O I Festival e Concurso de Bailes Latinos Camiño de Santiago presentouse no salón de Plenos do Concello de Melide por parte da alcaldesa de Melide, Dalia García, Aurora Fernández, presidenta da Asociación de Mulleres Rurais Alecrín, principal organizadora do evento, e Adrián Vidal, profesor de baile na asociación e colaborador coa planificación deste festival.
Aínda a falta de coñecer o programa, pois a organización está traballando nel, xa se sabe que será unha fin de semana chea de ocio en Melide con actividades para todas as idades e talleres gratuitos.
O I Festival e Concurso de Bailes Latinos Camiño de Santiago, o Melide SBK Festival, respondendo as siglas dos bailes Salsa, Bachata e Kizomba, pretende asentarse no calendario festivo de Melide ofrecendo unha alternavida como é a dos bailes latinos que ata o momento non existía na vila.